Notas de prensa

Un estudo da UVigo sinala a 'alta prevalencia' do ciberacoso entre a poboación adolescente

Máis do 27% das e dos adolescentes que participaron nun estudo (coa participación de 666 mozas e mozos de entre 14 e 18 anos) do grupo de investigación PS1 sobre prevención da ciberviolencia de xénero foron vítimas de situacións de ciberacoso e preto do 35% presentan risco de padecer condutas de grooming, episodios de acoso sexual a menores baseados no establecemento dunha relación de confianza a través da rede.

Desenvolvido ao abeiro das axudas á investigación da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, este traballo contou coa participación de 666 mozas e mozos de entre 14 e 18 anos e puxo de relevo a 'alta prevalencia da cibervitimización' entre a poboación adolescente, segundo sinala o equipo investigador.

Coordinado pola catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Francisca Fariña, nesta investigación participaron as e os integrantes do grupo PS1 María José Pérez Fabello, María José Vázquez Figueiredo, Katia Rolán, Manuel Isorna e Santiago López Roel. O seu obxectivo, explican, era “determinar a prevalencia” de situacións tanto de adicción ás redes sociais e internet como de “cibervitimización” entre as e os adolescentes “e analizar posibles diferencias” en función do xénero, coa idea de “achegar información útil para deseñar estratexias de prevención no ámbito educativo e familiar”. Nese senso, os resultados deste traballo, ‘Prevención de ciberviolencia de xénero na poboación adolescente no contexto de Pontevedra’, revelan que “unha porcentaxe considerable” das e dos adolescentes presentan “condutas de risco relacionadas do uso de internet e as redes sociais”, como síntomas de adicción, un uso excesivo ou “condutas de nomofobia”, medo a estar sen móbil.

“Este estudo levouse a cabo debido á crecente preocupación polo impacto do uso problemático de internet e as redes sociais en adolescentes”, destaca Isorna, que lembra que esta é unha “etapa especialmente vulnerable, na que o uso intensivo de contornas dixitais pode derivar en condutas de risco que afectan ao benestar psicolóxico e social”. Coa participación de 369 mozas e 297 mozos de diferentes puntos de Galicia, os datos obtidos “reflicten tendencias importantes”, recoñece este investigador, aínda que estas non poden extrapolarse ao conxunto de adolescentes galegos, para o que “sería necesario realizar unha mostraxe aleatoria representativa cunha mostra máis ampla e diversa”. Non obstante, os resultados acadados “sinalan varios aspectos importantes e en certa medida preocupantes” e concordan á súa vez cos de “investigacións previas noutros contextos, o que indica que o problema é significativo e merece especial atención”, engade Isorna.

Máis do 15% presenta risco de adicción ás redes

Levado a cabo en diferentes centros de ensino de Galicia, un total de 666 adolescentes participaron neste estudo, a través da realización dunha serie de probas estandarizadas, nas que debían valorar nunha escala unha serie de ítems referidos ao seu uso de internet e das redes sociais. Esta avaliación permitiu detectar que o 15,8% das e dos adolescentes presentaban un “risco de adicción” ás redes, un ámbito no que non se atoparon diferencias significativas en función do xénero. Estes resultados, subliña Isorna, “suxiren unha falta de control no uso das tecnoloxías dixitais e unha posible interferencia no seu benestar psicolóxico e académico”.

Si se rexistraron diferencias entre mozos e mozas no referido ao consumo de pornografía a través da rede, algo que fixo cando menos unha vez máis do 50% da mostra, posto que en máis do 69% dos casos foran os varóns os que accederon a este tipo de contidos.

En termos globais, preto do 91% das e dos participantes comezaron a empregar as redes sociais antes do 14 anos, sendo Instagram e Whatsapp as primeiras plataformas empregadas, nun 42% e o 35% dos casos, respectivamente, por parte das e dos participantes.

“Alta prevalencia da cibervitimización”

No referido ás situacións de ciberaocoso, grooming ou sexting, a investigación permite pór o foco na “alta prevalencia da cibervitimización” entre a poboación adolescente. Máis do 27% das e dos participantes indicaron ter sido vítimas de situacións de ciberacoso, posto que sinalaban ter sufrido accións que implicaban unha intencionalidade, que se daban de xeito repetido no tempo, cando menos unha vez por semana por un período de tres ou máis meses. Trátase, recoñece Isorna, “dunha cifra preocupante, dada a evidencia científica que relaciona esta experiencia con efectos negativos como ansiedade, depresión ou ideación suicida”.

Así mesmo, preto do 35% das e dos participantes “presentaron condutas de grooming” e o 14,7% afirmaron ter practicado sexting –intercambio de imaxes ou vídeos cun contido sexual explícito-, “o que suxire unha exposición considerable a riscos asociados ao acoso e a explotación sexual en contornas dixitais”, engade Isorna. Nos tres casos, trátase de problemáticas cunha maior incidencia nas rapazas, o que “pon de manifesto a necesidade de abordar estes riscos desde unha perspectiva de xénero nas estratexias de prevención e sensibilización”.

Por outra banda, o equipo investigador pon de relevo que os resultados indican tamén “que as crenzas sexistas, tanto hostís como benévolas, están presentes” na poboación adolescente, con “diferencias significativas” en función de xénero, xa estas teñen unha presenza “notablemente máis alta” entre os rapaces. “Estes achados subliñan a persistencia de desigualdades de xénero e actitudes discriminatorias, que perpetúan estereotipos nocivos e poden incrementar a exposición a riscos na contorna online”, subliñan.

Os resultados desta investigación, conclúe Isorna, “sinalan varios aspectos importantes e en certa medida preocupantes”, de tal xeito que “resaltan a urxencia de desenvolver programas educativos e de intervención dirixidos a adolescentes, familias e centros escolares”, así como que estes inclúan a perspectiva de xénero.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES