
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou este mediodía ao presidente do Liceo de Ourense, Javier Casares Mouriño, na presentación de Ourense Universo Literario. De Ourense e desde Ourense para o mundo, impulsado pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a ampla programación desta proposta cultural que reúne música, literatura e teatro e que supón a proxección da nosa lingua desde Ourense ao mundo enteiro. Ademais, recoñeceu o traballo do Liceo de Ourense a prol do idioma e a literatura galegas así como o patrimonio cultural ourensán a través de seis actividades de diferente índole que se repartirán entre os días 18 de setembro e 3 de outubro.
Programa variado para todas as idades
O actor e director Cándido Pazó será o encargado de abrir a programación mañá sábado co espectáculo Ourense sementando polo mundo, unha narración de como os emigrantes galegos foron espallando polo mundo as nosas tradicións orais, os nosos contos e a nosa literatura. De seguido, na fin de semana do 25 e 26 de setembro, subirán ao escenario o cantautor ourensán Emilio Rúa co seu concerto íntimo A canción de autor de Ourense, e Teatro Sarabela, coa obra O Secuestro da Bibliotecaria, unha peripecia divertida a refrescante que aposta polos valores da solidariedade e ao amor á literatura para público maior de seis anos.
Xa en outubro, o día 1 o actor e director Avelino González narrará a vida e obra do intelectual ourensán Vicente Risco en Risco Contando a todo Risco. O sábado 2, a artista María do Ceo presentará o seu concerto Ourensanía, no que pon en valor escritores ourensáns como Carlos Casares, Celso Emilio Ferreiro, Castor Elices, Eduardo Blanco Amor, Luis González Tosar, Manuel de Dops ou X.L. Méndez Ferrín. O programa cultural rematará o domingo 3 co recital As mulleres na poesía ourensá, da actriz Lucía Álvarez, un intenso percorrido pola poesía dos poetas e das poetisas ourensáns que fixeron e fan de Ourense un universo literario único.
Os horarios poderán consultarse na páxina web do Liceo de Ourense. Para poder asistir a calquera dos actos será preciso reservar unha butaca de forma presencial, na secretaría do Liceo, ou a través do teléfono 988 220 650.
Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22
Este fondo, que na súa segunda edición está a impulsar un milleiro de accións culturais na nosa lingua, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que apoia economicamente o sector cultural.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.