Noticias

O IGFAE trae a Santiago a obra de teatro científico 'Recordando a Lise Meitner'

As contribucións cruciais de Lise Meitner para descubrir, a principios do século XX, a fisión nuclear foron ignoradas polo comité do Premio Nobel. ‘Proxecto Meitner: Recordando a Lise Meitner’ é unha obra de teatro para todos os públicos promovida polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, que pretende recuperar a memoria desta investigadora e facer xustiza co lugar que ocupa na historia da ciencia. A primeira sesión celebrarase o luns 24 de outubro ás 21.00 horas para o público xeral e o segundo pase desenvolverase o martes 25 ás 10.00 horas, destinado exclusivamente a centros de secundaria e que se complementará cun coloquio posterior con físicas e artistas do espectáculo.

A entrada é de balde con inscrición previa neste formulario ata completar capacidade.

Esta obra de teatro científico chegará a Santiago de Compostela no marco do congreso European Nuclear Physics Conference 2022 (EuNPC 2022) organizado polo IGFAE entre o 24 e o 28 de outubro. É una iniciativa impulsada polo Instituto de Física Corpuscular (IFIC) do CSIC e a Universitat de València coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación e o Instituto Valenciano de Cultura, a Fundación Xeral CSIC e a Unitat de Igualtat da Universitat de València cuxa produción artística corre a cargo da compañía teatral CRIT.

Nobel negado á codescubridora da fisión nuclear

Lise Meitner naceu en Viena o 7 de novembro de 1878. A educación que recibiu por parte da súa familia permitiulle chegar á universidade, estudar Física e converterse na segunda muller doutora da Universidade de Viena en 1906. Ao rematar o seu doutoramento, Lise solicitou entrar como estudante no laboratorio Curie, pero foi rexeitada por falta de prazas. Entón decidiu viaxar a Berlín para desenvolver os seus coñecementos no campo da radioactividade. Alí coñeceu o seu gran amigo e colega Otto Hahn con quen estableceu unha estreita colaboración científica de case máis de 30 anos.

En 1938 Lise tivo que fuxir da Alemaña nazi e exiliarse a Suecia. Xunto a Fritz Strassmann produciron o primeiro exemplo de fisión nuclear, aínda que non se dan conta do achado ata que Lise interpreta os resultados. Un ano despois Otto mandou á revista Nature o traballo omitindo a Lise: temía que o acusasen de colaborar cunha xudía. Aínda que o papel de Lise foi crucial nos experimentos, só Otto recibiu en 1944 o Premio Nobel de Química por este descubrimento. Lise foi candidata en 48 ocasións ao Nobel, pero nunca o recibiu. Si conseguiu moitos outros recoñecementos, entre eles o Premio Enrico Fermi en 1966 polas súas contribucións á física. Dous anos despois, en 1968, Lise falece en Cambridge con case 90 anos. Na actualidade, ten o privilexio de ser a única científica que nomea en solitario un elemento da táboa periódica, o meitnerio.

R., 2022-10-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES