Noticias

Chega aos cinemas 'Unicorn Wars', a nova longa de animación de Alberto Vázquez

Unicorn Wars, a agardada nova longametraxe de animación do cineasta e debuxante Alberto Vázquez, ten a súa preestrea nos Cantones Cines da Coruña como antesala da súa chegada ao circuíto comercial o vindeiro 21 de outubro. Ademais, tivo lugar o pase e a presentación aos medios do filme na sede da Filmoteca de Galicia, onde o realizador coruñés será obxecto dunha retrospectiva os días 14 e 18 de outubro. A película está a recibir excelentes críticas tras a estrea da pasada fin de semana no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, onde compite nas seccións oficial e Anima’t. 'A mellor película de animación do ano' ou 'a máis sorprendente' de todas as fitas a concurso en Sitges son algúns dos cualificativos que lle outorga a prensa especializada.

Sutil lembrou que a Xunta vén acompañando e confiando neste proxecto desde “practicamente o momento mesmo da súa idea”, como demostra o feito de que en 2016 un guión asinado por Alberto Vázquez, xermolo desta película, obtivera xa unha primeira axuda na convocatoria de promoción do talento audiovisual.

Neste sentido, incidiu na relevancia do soporte da Administración pública a “toda esta dinámica tan laboriosa pola que un título chega finalmente aos cines”, prestando apoio a que é unha actividade estratéxica para as industrias culturais, de efecto tractor sobre outros eidos económicos, e “posibilitando que o enorme talento creativo galego se atope cos espectadores para o goce de toda a cidadanía”.

Excelente acollida en Sitges

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aproveitou para felicitar persoalmente a Alberto Vázquez e ao resto do equipo polas excelentes críticas que está a recibir o seu traballo tras a estrea da pasada fin de semana no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, onde compite nas seccións oficial e Anima’t. “A mellor película de animación do ano” ou “a máis sorprendente” de todas as fitas a concurso en Sitges son algúns dos cualificativos que lle outorga a prensa especializada á película, que tivo a súa estrea internacional o pasado mes de xuño no Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy, en Francia, onde tamén contou co apoio da Xunta para a súa promoción.

Con Unicorn Wars, o creador coruñés consolídase como un dos grandes nomes da animación española e internacional, despois dos éxitos obtidos con Psiconautas, los niños olvidados, filme co que gañou o Goya á mellor longametraxe de animación, e coas súas aclamadas curtas Birdboy e Decorado −premios Goya á mellor curta de animación en 2012 e 2017, respectivamente− ou Homeless Home, esta última galardoada hai dous anos en Annecy co premio especial do xurado. No certame francés estivo tamén en 2021 para participar no Feature Work in Progress cun avance da longa que se preestrea esta tarde na Coruña e que, xa entón, espertou unha gran expectación.

Dúas sesións especiais na Filmoteca

Como sinalou Sutil, coincidindo coa chegada aos cinemas do seu último filme, Alberto Vázquez protagonizará dúas sesións especiais na recentemente remodelada sala José Sellier da Filmoteca de Galicia, coas proxeccións de Psiconautas, coa presenza do seu director, mañá ás 20,30 h., e das devanditas tres curtametraxes o día 18, ás 18,00 h.

A trama de Unicorn Wars preséntase como unha fábula antibélica, que leva a unha nova dimensión o prolongado enfrontamento entre as coñecidas personaxes de Alberto Vázquez, os Osos de Peluche e os Unicornios, no universo de fantasía que xa se avanzaba en Decorado. Desta volta, dous irmáns −un entrañable e outro desalmado− forman parte dun rexemento de osiños enviados a unha perigosa misión na fronte para salvar o Bosque Máxico.

R., 2022-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES