Noticias

Outorgados os premios da Cultura Galega 2022

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2022 reuniuse en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas: Letras, Marica Campo; Artes Visuais, María Victoria Carballo-Calero; Artes Escénicas, Melania Cruz; Música, Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela; Audiovisual, Xosé Ramón Gayoso; Lingua, Manuel González; Patrimonio Cultural, Xacarandaina; Proxección Exterior, Programa ConCiencia.

Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a coordinadora de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, Rebeca Blanco Rotea; o académico da Real Academia Galega de Belas Artes, Xurxo Lobato, así como profesionais da cultura de Galicia de recoñecido prestixio como Zaza Ceballos, produtora audiovisual e galardoada nos Premios da Cultura Galega 2021; Elena Pardo, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, e Xosé Eduardo López-Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.

Con estes galardóns, a Xunta de Galicia distingue un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.

R., 2022-10-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES