Noticias

Curtocircuíto presenta a súa 19ª edición, na que amosará os filmes restaurados de Eugenio Granell e unha decena de fitas galegas

Curtocircuíto inaugura este sábado en Santiago de Compostela a súa 19ª edición, cun programa que inclúe unha mostra das fitas restauradas de Eugenio Granell, unha escolma de realizadores galegos na sección Planeta GZ e un encontro virtual co cineasta Todd Solondz. Un dos pratos fortes desta 19ª edición será a sesión dedicada ás fitas do pintor surrealista Eugenio Granell. O Teatro Principal acollerá ás 19,00 h. deste domingo o pase das pezas rodadas polo pintor no seu exilio en Nova York. Entre estes pequenos filmes, atópanse títulos como Trompos, Middlebury, Película hecha en casa con pelota y muñeca e Casa.

Curtocircuíto inaugura este sábado en Santiago de Compostela a súa 19ª edición, cun programa que inclúe unha mostra das fitas restauradas de Eugenio Granell, unha escolma de realizadores galegos na sección Planeta GZ e un encontro virtual co cineasta Todd Solondz. O certame, que se celebra até o 9 de outubro, volve co apoio da Xunta a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais, que este ano destina 210.000 euros a cofinanciar 11 mostras.

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación de Curtocircuíto 2022 xunto o director do festival, Pela del Álamo, e os representantes doutras entidades colaboradoras. Na súa intervención, Sutil puxo en valor tanto a variedade como a calidade da carteleira, ademais de destacar o seu programa de actividades paralelas.

Engadiu, así mesmo, que a colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con esta mostra inclúe, ademais da xa citada subvención, a cesión de espazos como o CGAC e o Museo de Peregrinacións como sedes do festival xunto ao Teatro Principal, a sala Numax ou o Auditorio Abanca.

Surrealismo e cinema

Un dos pratos fortes desta 19ª edición será a sesión dedicada ás fitas do pintor surrealista Eugenio Granell. O Teatro Principal acollerá ás 19,00 h. deste domingo o pase das pezas rodadas polo pintor no seu exilio en Nova York. Entre estes pequenos filmes, atópanse títulos como Trompos, Middlebury, Película hecha en casa con pelota y muñeca e Casa.

A preservación destas obras é froito dunha investigación impulsada pola Elías Querejeta Zine Eskola en colaboración coa Fundación Eugenio Granell e coa Filmoteca de Galicia. Precisamente, a sede coruñesa da cinemateca da Xunta acollerá este venres ás 19,00 h. a estrea en Galicia destes filmes restaurados como parte da programación coa que está a celebrar a reapertura da súa Sala José Sellier tras o seu reacondicionamento.

En referencia ás seccións habituais de Curtocircuíto, Sutil subliñou os traballos que se exhibirán este ano no apartado Planeta GZ para ofrecer unha escolma heteroxénea da realidade máis emerxente e rompedora do cinema galego. Desta volta, son 10 as fitas seleccionadas: Amarillo atlántico, de Carla Andrade; Memory, de Nerea Barros; Videogramas #4, de Jaione Camborda; The Liquid Crystal Display System and the Subversive Pixels, de Álvaro Chior; Rompente, de Eloy Domínguez Serén; Proxecto X, de Sol Mussa; Elefante, de Alberte Pagán; Una ventanita, de Carlos Fernández López; Así vendrá la noche, de Ángel Santos, e Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo.

Referencia do cinema independente

O sábado 8 de outubro, o gran protagonista será o director e guionista estadounidense Todd Solondz. Emblema do cinema independente, este cineasta filmou películas tan coñecidas como Palíndromos ou Hapiness. O público que se reúna no CGAC a partir das 16,00 h. terá a ocasión de compartir unha proxección coas súas referencias fílmicas e un encontro virtual co realizador.

Curtocircuíto completa a súa actividade cun rico programa de actividades paralelas. Entre as múltiples propostas, destacan o laboratorio de desenvolvemento de proxectos audiovisuais organizado da man de da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA, debates, concertos, o comisariado interdisciplinar do bailarín Richard Mascherin ou os apartados Criaturas e Teenage Riot, con pases para o público infantil e xuvenil organizados en colaboración con centros de ensino.

R., 2022-09-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES