Noticias

A filmoteca de Galicia abre ao público tras finalizar as obras de renovación con 'Tres' e 'O moderno Sherlock Holmes'

A Filmoteca de Galicia reabre as portas da súa sala de cine José Sellier o vindeiro martes 27, tras concluír as obras de renovación. Situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a Filmoteca de Galicia mantén xa os seus servizos operativos e retoma agora a súa intensa carteleira de proxeccións, función que sustenta xunto ao labor arquivístico, á conservación do noso patrimonio audiovisual, á difusión da creación cinematográfica e á posta en valor da produción galega a actividade desta institución dende a súa fundación en 1991. A sesión inaugural celebrarase o martes 27 cunha dupla sesión.

A Filmoteca de Galicia reabre as portas da súa sala de cine José Sellier o vindeiro martes 27, tras concluír as obras de renovación financiadas pola Xunta e que supuxeron unha intervención integral por valor de 138.000 euros, entre a execución do proxecto licitado e a adquisición adicional de equipamentos. A sede do centro audiovisual dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades experimentou unha reforma completa do espazo de exhibición, que incluíu traballos de modernización na cabina de proxección, na súa dotación tecnolóxica e de substitución de butacas e demais mobiliario.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, comprobaron hoxe na Coruña o resultado das obras de mellora, nunha visita na que tamén participaron técnicos do equipo responsable da actuación levada a cabo.

Máis amplitude e comodidade

Así, na cabina elimináronse os distintos niveis de altura, unha intervención que lle brinda ao persoal máis visibilidade dende o exterior e maior amplitude de movementos para poder operar cos distintos proxectores: o dixital, 35 mm e 16 mm.

No patio, a renovación financiada pola Xunta permitiu cambiar o teito, as paredes e o chan, así como os asentos. A distribución actual de 89 butacas favorece a circulación e mais a accesibilidade do público. Os espectadores gañan así en comodidade, mobilidade e seguridade nunha estancia que modernizou tamén a súa estética e na que resaltan aínda máis as columnas e o arco de pedra característicos da estancia.

Situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a Filmoteca de Galicia mantén xa os seus servizos operativos e retoma agora a súa intensa carteleira de proxeccións, función que sustenta xunto ao labor arquivístico, á conservación do noso patrimonio audiovisual, á difusión da creación cinematográfica e á posta en valor da produción galega a actividade desta institución dende a súa fundación en 1991.

Sesión inaugural

A sesión inaugural celebrarase o martes 27 ás 20,00 h., cunha dupla sesión. Proxectarase primeiro como gran protagonista Tres, fita de Juanjo Giménez do ano 2021, producida pola galega Frida Films e premiada como mellor película nos Mestre Mateo 2022. Protagonizada por Marta Nieto no papel dunha sonidista, foi escollida por ser a derradeira produción cinematográfica que se rodou na sala antes da reforma integral. Tras o seu pase, exhibirase a O moderno Sherlock Holmes, película de Buster Keaton de 1924.

A unión destes dous filmes responde á particularidade de que a escena inicial gravada na Filmoteca da Galicia por Giménez incluía a proxección de varios fotogramas do clásico de Buster Keaton que trata, precisamente, sobre un proxeccionista. Así, ambas películas conforman un díptico audiovisual que, acompañado pola presentación presencial na Coruña do propio director e da produtora Luisa Romeo, servirá para reencontrarse cos espectadores dun xeito moi especial.

A Filmoteca de Galicia estenderá a celebración deste retorno do público ás próximas semanas cun período de portas abertas, durante o que todas as proxeccións serán de acceso gratuíto. Ademais das seccións habituais, entre os ciclos que se ofrecerán ata finais de outubro están os titulados Ars Sonora, con títulos que dalgún xeito abordan o mundo do sonido, e A casa do cinema, que sitúa no foco as filmotecas e o seu traballo a prol da recuperación e difusión cinematográfica.

R., 2022-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES