Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2024 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas: Os premiados son Manuel Lourenzo en Letras, Xosé María Pérez Barro en Artes Visuais, Marta Pazos en Artes Escénicas, Joaquín Martínez en Música, Ficción Producións en Audiovisual, Julia Díaz en Lingua, Xosé Manuel González en Patrimonio Cultural, e o Real Club Celta de Vigo en Proxección exterior.
A Banda de Música de Arzúa será a encargada de inaugurar o encontro co seu espectáculo de fusión Rock á galega, proxecto mellor valorado no CreaSons 2024. A listaxe completa está composta pola Agrupación Musical do Rosal, Banda Escola de Música de Beade, Banda de Música Popular Airiños do Morrazo de Moaña, Unión Musical de Coruxo, Banda de Música Unión Musical de Tenorio, Banda de Música Artística de Arcade, Banda Infantil de Lalín, Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, Banda Xuvenil da Unión Musical de Meaño e Banda-Escola da Banda Municipal da Estrada.
Esta edición, que comezou onte, está coordinada polo multipremiado docente e ilustrador de libros infantís, Federico Fernández, e reúne a catro profesionais recoñecidos dentro do mundo da creación. No caso dos participantes de orixe galego está o artista polifacético Ramón Trigo (Vigo, 1965), e a ilustradora Pepa Prieto (Santiago de Compostela, 1989), que traballou para The New York Times e acaba de lanzar o seu primeiro cómic. En representación de Portugal participan a artista contemporánea Ana Almeida (Sintra, 1959), especializada na pintura en tea e na dixital, e Firoozeh Zadeh (Irán, 1987), profesional de orixe persa que pinta con diferentes materiais e sobre diversos soportes.
Foron presentadas as XXVI Xornadas de homenaxe ao autor Ramón María del Valle-Inclán que se celebran na Pobra do Caramiñal desde este domingo ata finais de mes. Trátase dunha ampla programación que inclúe a celebración dunha quincena de actividades diversas para lembrar, homenaxear e poñer en valor a traxectoria de Valle-Inclán a través de propostas como conferencias de divulgación científica, presentacións de libros, espectáculos de narración oral, obras teatrais, actividades plásticas, exposicións ou sesións de monicreques.
O CGAC reunirá a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración de Novos Imaxinarios, a nova mostra do museo compostelán comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente. Como parte da programación da exposición, o CGAC acollerá desde o sábado un acto de conversas no que, moderados por Pela del Álamo, Alberte Pagán e os propios comisarios da mostra, participan os artistas Isaki Lacuesta, que representará a España na carreira polos Oscar co seu filme Segundo Premio, ou Oliver Laxe, multipremiado director pola largometraxe 'O que arde' no Festival de Cannes, no Festival Internacional Mar del Plata e nos premios Goya e Feroz.
O ciclo Mestre Mateo de cinema galego inclúe por primeira vez na súa programación as curtametraxes finalistas na pasada edición dos Premios Mestre Mateo grazas á colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales e a Academia Galega do Audiovisual. Será un total de nove filmes que se van proxectar en 24 concellos de Galicia localizados fóra da contorna das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais. A primeira destas proxeccións terá lugar mañá, 3 de outubro, no cine Alfonsetti de Betanzos.
O programa de espectáculos desenvolverase no mesmo recinto da alameda e abrirase coa proposta Intempestiva, unha peza de Elahood inspirada na obra e na figura da escritora Xela Arias como retrato en movemento da axitación creativa das novas xeracións para cuestionar que significa facer “algo de proveito”. A creación recibiu o Primeiro Premio e Premio da Crítica no Certamen Coreográfico de Madrid (2021), e o premio a Mellor Espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres.
A 21ª edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto exhibirá desde o 1 ata o 6 de outubro un total de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres apartados: a sección oficial Cosmos, Planeta GZ para as propostas máis singulares de Galicia, e Supernova, dedicada ao cinema emerxente galego, ademais dunha ampla programación paralela que se estende ao pensamento e ás artes sonoras e visuais máis vangardistas. As cineastas Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger presentarán as súas novas obras neste certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela.
Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades públicas galegas, de dez concellos e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, xa ten aberto o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema ‘Fachenda ao cadrado’. Unha edición na que os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fixo hoxe entrega en París ao embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, do primeiro avance do expediente da candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra de cara a acadar en 2026 o recoñecemento como Patrimonio Mundial. Trátase dun trámite necesario para avanzar no futuro do territorio para obter o máximo recoñecemento da Unesco. 'Estamos a dar os pasos precisos e cumprindo cos trámites establecidos para ter este recoñecemento', aseverou o titular de Cultura do Goberno galego, tras o encontro na capital de Francia co embaixador de España ante a Unesco, no que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez.
« Anterior | 25  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Do 11 de abril ao 9 de maio, a cidade de Ourense acolle a celebración da 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), que contará con 23 espectáculos de teatro, música e danza, ademais de formación. Unha edición máis a Universidade de Vigo volve a ter un protagonismo destacado nela, non só no seu patrocinio e organización senón tamén coa actuación das aulas de teatro e danza dos seus tres campus.
Será a mediados de mes cando teña lugar en Lugo o Festival de Teatro Universitario (cinco compañías presentarán no auditorio Gustavo Freire outras tantas producións), e uns días despois en Compostela a Mostra de Teatro Universitario de Galicia, que se completarán con obradoiros de arte escénica, a iniciativa ‘escaparArte’ e a presentación do exercicio final da Escola de Teatro.
A familia e os amigos de Santiago Rodríguez López teñen a dor de comunicar o pasamento do destacado biólogo, escritor e catedrático na Universidade de Bristol, ocorrido o pasado 19 de marzo, aos 52 anos de idade, despois dunha breve enfermidade. Precisamente, o Concello de Paradela celebrará mañá xoves unha sesión plenaria, na que se levará a cabo a culminación do expediente de nomeamento de Santiago Rodríguez López como Fillo Adoptivo do Concello a título póstumo.
Malia que 'é moi suxestivo' o título da mostra, 'As mulleres e o mar', en realidade busca poñer en valor o relevante papel das mulleres 'no proceso máis duro de industrialización do mar', explicaba na inauguración da exposición a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández. A exposición inclúe varios paneis con forma de latas de conservas e un vídeo que recolle fragmentos da actividade na fábrica de Massó Hermanos a principios do século XX.
Cada curso académico, a Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña crea unha obra teatral coa que logo xira por diferentes festivais e espazos escénicos da península ibérica. Despois de varios meses de traballo, a produción deste ano xa está lista. Trátase de Desequilibrios, que acaba de ser estreada en Portugal, no 28º Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior, onde acadou o premio do público.
A mostra está composta por nove paneis que recollen as obras de mulleres clave dos últimos dous séculos: Mary Shelley -con Frankestein ou o moderno Prometeo-, Harriet Beechet Stowe -con A cabana do Tío Tom-, Bertha Von Suttner -con Abaixo as armas-, Betty Friedan -con A mística da feminidade-, Clara Campoamor –con O voto feminino e eu-, Harper Lee -con Matar a un reiseñor-, Rachel Carson -con Primavera silenciosa- e Hanna Arendt -con Eichmann en Xerusalén-.
Resultado dun proceso de traballo, no que contou coa colaboración dun grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes, o artista británico Simon Callery presenta na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha obra de grandes dimensións que é o resultado final de semanas de traballo en contacto directo coas paisaxes do río Lérez, Cabo Udra e Mogor.
O Centro Dramático Galego (CDG) convida o estudantado da USC a acudir á preestrea do espectáculo 'Manuela Rey is in da house' que terá lugar este mércores 13, a partir das 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta iniciativa enmárcase dentro da nova vaga de Faiscas Culturais centradas na recuperación da figura da actriz galega Manuela Rey. A mindoniense converteuse na grande estrela lisboeta de mediados do século XIX.
A doutora Déborah González, investigadora do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago -grupo de referencia internacional para os estudos vencellados co patrimonio literario e cultural da Idade Media-, dirixiu a creación do portal web Redes Socioculturais da Lírica Galego-Portuguesa que ofrece información literaria, histórica e biográfica sobre trobadores e xograres, coa posibilidade de visualizar graficamente as conexións entre eles.
A análise dos novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica, constitúe o eixo central da International Performance Art Conference Fugas e Interferencias, o único congreso académico dedicado a esta disciplina que se desenvolve en España. Organizado pola UVigo coa colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), este congreso desenvolverá entre o 31 de outubro e o 2 de novembro a súa novena edición.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES