
O Centro Dramático Galego (CDG) convida o estudantado da USC a acudir á preestrea do espectáculo 'Manuela Rey is in da house' que terá lugar este mércores 13, a partir das 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Para asistir a este pase dirixido á comunidade estudantil da USC, é preciso enviar nome e datos de contacto de cada asistente ao Consello do Estudantado a través do enderezo [email protected] antes das 14.00 horas do día 13.
Esta iniciativa enmárcase dentro da nova vaga de Faiscas Culturais centradas na recuperación da figura da actriz galega Manuela Rey. A mindoniense converteuse na grande estrela lisboeta de mediados do século XIX. Naceu en 1842 e finou aos 23 anos como primeira actriz do Teatro Dona María II da capital portuguesa. As Faíscas, unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural, alumean agora a traxectoria vital e profesional aínda moi descoñecida de Manuela Rey, tal e como apuntan dende a organización.
O CDG en coprodución co Teatro do Noroeste_CDV (Viana do Castelo), co Teatro Nacional Sao Joao de Porto e co Teatro Nacional D. María II de Lisboa únense para poñer en valor e reivindicar a figura da alcumada como muller lirio. Con dramaturxia e dirección de Fran Núñez, director do CDG, un equipo artístico galego-portugués leva a escena o espectáculo 'Manuela Rey is in da house', estreado recentemente en Portugal e que en Galicia representarase o próximo 14 de marzo, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, coa excepción da sesión que o día 13 se desenvolverá para a comunidade universitaria.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.