Noticias

O CGAC reúne preto dunha decena de cineastas co gallo da inauguración de 'Novos Imaxinarios'

O CGAC reunirá a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración de Novos Imaxinarios, a nova mostra do museo compostelán comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente. Como parte da programación da exposición, o CGAC acollerá desde o sábado un acto de conversas no que, moderados por Pela del Álamo, Alberte Pagán e os propios comisarios da mostra, participan os artistas Isaki Lacuesta, que representará a España na carreira polos Oscar co seu filme Segundo Premio, ou Oliver Laxe, multipremiado director pola largometraxe 'O que arde' no Festival de Cannes, no Festival Internacional Mar del Plata e nos premios Goya e Feroz.

A estas charlas tamén asistirá o galego Lois Patiño, que conta co premio Mestre Mateo ó mellor documental por Costa da Morte e foi recoñecido no Festival Internacional de Cinema de Berlín con filme Samsara e tomarán a palabra as portuguesas, Salomé Lamas e Susana de Sousa Dias, e os produtores recoñecidos polo seu traballo conxunto en certames como Venecia, San Sebastián, Rotterda, ou Toulusse pola obra Eles transportan a morte, Helena Girón e Samuel Delgado.

Ata o 12 de xaneiro

A mostra Novos Imaxinarios será inaugurada o venres polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos e poderá verse ata o 12 de xaneiro. Durante esta xornada, ás 19,00 horas, os comisarios acompañados polo director do museo, Santiago Olmo, presentarán a exposición.

As salas do museo da capital galega acollerán unha reflexión sobre o cinema máis alá da pantalla, onde conflúen as prácticas cinematográficas e os espazos artísticos a partir da selección da obra de recoñecidos artistas do cinema contemporáneo. A carón desta exposición tamén haberá unha serie de actividades paralelas como proxeccións, xornadas de investigación, conferencias ou mesas redondas.

R., 2024-10-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES