
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación das XXVI Xornadas de homenaxe ao autor Ramón María del Valle-Inclán que se celebran na Pobra do Caramiñal desde este domingo ata finais de mes. Trátase dunha ampla programación, impulsada co apoio da Xunta de Galicia, que inclúe a celebración dunha quincena de actividades diversas arredor da figura deste ilustre.
Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o compromiso do Goberno galego con estas xornadas xa consolidadas no panorama cultural tras máis de 25 anos celebrándose ininterrompidamente. Deste xeito, puxo en valor o traballo do museo Valle-Inclán, na organización desta cita e na dedicación por manter vivo o legado dunha das figuras máis destacadas da cultura galega, que sigue sendo a día de hoxe, un gran referente e fonte de inspiración para os dramaturgos do mundo.
No marco desa presentación, o director xeral de Cultura destacou a calidade das iniciativas que terán lugar ata finais deste mes coincidindo coa conmemoración do nacemento do ilustre escritor onde predominarán as sesións teatrais. Ademais salientou a imaxe do cartel deste ano do ilustrador Siro López, onde se representa a esencia do recoñecido escritor.
Neste senso, salientou a importancia destas 15 actividades por lembrar, homenaxear e poñer en valor a traxectoria de Valle-Inclán a través de propostas como conferencias de divulgación científica, presentacións de libros, espectáculos de narración oral, obras teatrais, actividades plásticas, exposicións ou sesións de monicreques.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.