
Baixo o título de The making of a painting / Facer unha pintura, este espazo expositivo acollerá ata o 30 de abril a que é a terceira exposición en España dun artista que ao longo das últimas tres décadas protagonizou un bo número de mostras, tanto no Reino Unido como en diferentes países. Nela poderá verse tanto unha pintura que, explica Callery, non é unha representación da paisaxe, senón que foi feita en contacto con ela, como un vídeo documental que documenta todo o proceso de traballo para a realización desta peza.
A obra non fala sobre un lugar, senón que provén del. É unha pegada do territorio, pero non está intentando representalo, destaca Elena Bangueses, comisaria dunha exposición promovida coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Departamento de Pintura da UVigo. Como explica o coordinador da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, a obra de Callery defínese por unha concepción da pintura marcada pola materialidade e tamén por un traballo moi relacionado co territorio, o que sumado a que o artista londiniense xa tiña desenvolvido procesos colaborativos previamente levárono a convidalo á realización dun taller, coa intervención de estudantes, encamiñado a producir unha obra.
O resultado final dese proceso, no que Callery contou coa colaboración do estudantes da facultade Goa Vázquez, Julio Catalán, Álex Fuertes, Diego del Río e Cristina Rus estrease na exposición que se inaugura este xoves ás 19.00 horas. Á súa vez, a mostra complétase coa proxección dun vídeo documental realizado pola bolseira da sala e alumna do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Ruth Vidal, xunto con Carlos Fernández, que permite coñecer as diferentes fases do traballo desenvolvido ao longo das últimas semanas.
Unha pintura marcada polo territorio
Detrás dos meus procesos está a ambición de que a pintura sexa algo que sentes co teu corpo, non só algo que ves, sinala Callery, que incide na importancia que ten no seu traballo a materialidade e o contacto directo co territorio. O seu obxectivo, explica, é que o espectador poida sentir fisicamente a pintura, con todos os seus sentidos e non unicamente percibila a través da vista. A razón pola que fago isto é porque penso que a cultura é demasiado visual. Poñemos un énfase masivo na imaxe e perdemos contacto con outras partes de nós mesmos, subliña o artista británico, para quen a pintura é un medio co que podemos rebalancear a conexión entre a vista e o corpo.
Nese obxectivo, a produción artística de Callery caracterízase polo desenvolvemento, como explica Bangueses, de pinturas a grande escala no territorio, que son o resultado duns procesos moi laboriosos, desenvolvidos neste caso na contorna de Pontevedra. Realizado coa colaboración do estudantado seleccionado para este proxecto, este traballo iniciouse coa preparación dun lenzo, provinte da India, a través dun lavado natural, usando as técnicas clásicas en zonas de correntes de auga. Concretamente, este primeiro paso levouse a cabo no Lérez, nas proximidades do antigo balneario. Tras ela, acometeuse o tinguido do lenzo con pigmentos naturais, provenientes da terra, empregando cores, como apunta Bangueses, que inciden tamén nesa conexión coa paisaxe. Finalmente, vólvese saír coas teas para traballar en distintas localizacións, como Mogor, Cabo Udra ou novamente o Lérez, onde se foron marcando e cortando os lenzos, sobre zonas escollidas polo artista, sen premeditación previa, dando como resultado unha obra que, como destaca Bangueses, vese marcada por esa pegada do territorio.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.