Noticias

A Academia Galega do Audiovisual levará as mellores curtametraxes do ano a 24 concellos galegos

O ciclo Mestre Mateo de cinema galego inclúe por primeira vez na súa programación as curtametraxes finalistas na pasada edición dos Premios Mestre Mateo grazas á colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales e a Academia Galega do Audiovisual. Será un total de nove filmes que se van proxectar en 24 concellos de Galicia localizados fóra da contorna das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais. A primeira destas proxeccións terá lugar mañá, 3 de outubro, no cine Alfonsetti de Betanzos.

O programa, dividido en dúas sesións, inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real dos pasados Premios Mestre Mateo, con varios títulos que contaron co apoio da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento. No bloque de ficción poderán verse Antes de que se poña o sol, de Nani Matos; Nena, dirixida por Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias, O coidado, de Miguel Canalejo; O neno sardiña, de Lucía Estévez; e Ulises, de Félix Brixel. Na categoría de animación exhibiranse O monstro e a nena, de Jorge J. Costas; To bird or not to bird, dirixida por Martín Romero e premiada na última edición dos Goya; Illa Cordura, de Mario Fernández Filloy; e In Half, de Jorge Morais.

Audiovisual no rural

A inclusión das curtametraxes na programación do ciclo constitúe unha aposta pola accesibilidade á cultura nas áreas rurais, polo que conecta cun dos obxectivos principais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para esta lexislatura, e pola promoción do cinema no formato de duración reducida, moi vinculado aos talentos emerxentes e que non dispoñen de circuítos de distribución e exhibición estables.

As dúas sesións de curtametraxes proxectaranse nas localidades que están a programar o ciclo Mestre Mateo nas catro provincias galegas. Na da Coruña haberá proxeccións na Laracha, Betanzos, Boiro, Cedeira, Valdoviño e Vimianzo; na de Lugo poderán verse na Pobra do Brollón, A Fonsagrada, Taboada, Foz, Meira, Monterroso, Sarria e Vilalba; na de Ourense chegarán a Celanova, San Cristovo de Cea e Ribadavia; e na de Pontevedra están programadas nas Neves, Cerdedo-Cotobade e Ribadumia. Están por pecharse as proxeccións noutros catro concellos que se engadirán ao programa nas próximas datas.

Escaparate da produción galega

O ciclo Mestre Mateo incorpora así o formato curto no seu terceiro ano de andaina, fortalecendo unha programación na que xa están presentes longametraxes de ficción e documentais, convertendo esta iniciativa nun dos mellores escaparates da produción galega, cuxa calidade vén referendada pola selección previa dos galardóns que outorga a Academia Galega do Audiovisual.

Con esta iniciativa facilítase un espazo para a proxección deste tipo de pezas co obxectivo de aumentar a presenza de voces novas e diversas no noso audiovisual e permitir que unha nova xeración de creadores e creadoras atope máis facilidades á hora de desenvolver estes proxectos, que adoitan ser o primeiro paso dunha carreira. Ao tempo, achégaselle ao público un tipo de cinema que ofrece propostas estimulantes nas que se experimenta tanto nas formas como nas temáticas.

R., 2024-10-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES