
Con vixencia para os vindeiros catro anos, o pacto establece unha liña de colaboración entre a Xunta e as universidades para reorganizar a estrutura docente do grao de Enfermaría, cunha folla de ruta para avanzar cara á concentración da docencia nunha única facultade por universidade, co obxectivo de mellorar a organización académica, a xestión e a calidade formativa. Isto implicará a integración progresiva das escolas adscritas ao Servizo Galego de Saúde, que poderá derivar na creación de novas facultades ou na modificación das actuais. Das oito escolas adscritas de Enfermaría que hai en Galicia, seis pertenecen ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) e están en Vigo (Meixoeiro), A Coruña, Ourense, Santiago e Lugo e ás que se suman a da Deputación de Pontevedra e a de Povisa.
Rueda sinalou que o protocolo asinado é o primeiro paso dun proceso máis ambicioso: a integración das escolas de enfermaría do Sergas no Sistema Universitario Galego. Esta transformación, dixo, permitirá homoxeneizar a formación, fortalecer os vínculos entre educación superior e sanidade pública e formar a profesionais cada vez máis preparados nun sistema que teña a máxima calidade e o máximo rigor académicos. A medida afectará nunha primeira fase ás escolas da Coruña, Lugo, Ourense e Meixoeiro, aínda que a previsión é avanzar tamén na integración da escola da Deputación de Pontevedra e da escola privada de Povisa.
Pola súa banda, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que tomou a palabra en nome dos seus homólogos de Santiago e A Coruña asegurou que non só se trata de que o alumnado destes centros poida realizar xestións como o resto, senón que tamén se poida se beneficiar da matrícula gratuíta que hai implantada desde 2024. As entidades poñerán para acadar este fin os procedementos para a integración, como propios, dos centros de distinta titularidade no que se imparte o Grao en Enfermaría, o que se plasmará na sinatura dos correspondentes convenios de desascrición e a consecuente tramitación dos procedementos de creación de novas facultades ou de modificación das existentes.
Incremento na oferta de prazas
Así mesmo, o protocolo asinado hoxe contempla que as tres institucións que conforman o SUG incrementarán nun mínimo dun 15% nos próximos catro anos as prazas dos graos de Enfermaría, de xeito que se acadará unha cifra próxima ás 600. Neste sentido o presidente da Xunta asegurou que esta medida responde á crecente demanda asistencial é a necesidade de contar con máis persoal sanitario formado no sistema universitario galego.
Neste caso, as partes asinantes comprométense a aumentar a oferta global de prazas de novo ingreso no grao, tendo en conta as capacidades de recursos humanos e materiais de cada centro, acadando ao fin do período, cando menos un incremento dun 15% sobre a oferta total autorizada para o conxunto de centros afectados en cada universidade. O incremento das prazas ten o obxectivo de mellorar o número de enfermeiras e enfermeiros por paciente, tendo en conta que España segue por debaixo da media europea e precisa cando menos outros 100.000 profesionais. En Galicia non somos alleos e o Sergas xa incrementou nun 20% estes profesionais desde 2008, asegurou Rueda.
Resolución de problemas e persoal e convenios específicos
O protocolo contempla outra liña centrada na resolución dos problemas de persoal docente e investigador e traducirase en que as universidades, co financiamento finalista achegado pola Xunta, comprométense a asegurar o paulatino incremento de persoal a tempo completo e indefinido dos futuros centros. Tamén se incentivará a carreira investigadora e a lectura de teses co obxectivo de cumprir as esixencias da normativa vixente e fomentar a actividade investigadora no ámbito da enfermaría.
Cuestións como o financiamento, a organización e execución das accións concretas resultantes desta cooperación estableceranse en cada caso particular en convenios específicos, nos que se determinarán as obrigas que asuma cada unha das partes. En todo caso a Consellería de Sanidade e outros organismos financiadores manterán o financiamento necesario para que, durante o período de transición, a formación do alumnado manteña os máximos niveis de calidade. O importe do financiamento público correspondente a custos de capítulo I será autorizado como incremento da masa salarial das universidades.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.