Noticias

A Filmoteca de Galicia inicia en maio un ciclo arredor de Marcelo Mastroianni e recibe as visitas de Alauda Ruiz de Azúa e Albert Serra

A Filmoteca de Galicia inicia en maio unha retrospectiva arredor do actor italiano Marcelo Mastroianni como parte dunha carteleira na que tamén sobresaen as visitas de dous destacados nomes do actual panorama cinematográfico estatal: Alauda Ruiz de Azúa e Albert Serra. A oferta mensual da cinemateca da Xunta arranca este venres 2 con Corazón Salvaje, que se exhibe na recta final da homenaxe que se lle está a dedicar ao director David Lynch tralo seu recente pasamento. A nova programación inclúe tamén un repaso ás tres longametraxes do cineasta galego Raúl Veiga e a habitual colaboración co festival Play-Doc de Tui, que desta volta pon o foco en dúas figuras do cinema independente norteamericano: Monte Hellman e Elaine May.

O ciclo Centenario Marcello Mastroianni chega a Galicia en colaboración co BCN Film Festival de Barcelona para estender ata xuño a celebración dos cen anos do nacemento do actor italiano a través de dez das súas películas máis coñecidas. O percorrido iníciase o día 20 con Marcello, una vita dolce, un documental dirixido por Mario Canale e Annarosa Morri que explora a vida e a carreira da icónica estrela italiana cunha mirada íntima sobre a súa contribución á historia do cinema e o seu impacto na cultura popular.

Durante todo o mes poderán verse tamén La senda de la esperanza, de Dino Risi (días 21 e 22); Fellini 8 1/2, de Federico Fellini (días 24 e 27); Rufufú, de Mario Monicelli (días 23 e 28) e El extranjero, de Luchino Visconti (días 29 e 31).

Proxección completa de ‘Querer*’

No marco do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, o martes 6 de maio terá lugar un encontro coa directora biscaíña Alauda Ruiz de Azúa, quen presentará Querer*, gran sensación entre as series españolas de 2024 e coa que se confirmou, tras asinar a longametraxe Cinco lobitos, como unha das máis relevantes voces do actual audiovisual español. Este traballo, que coloca a cuestión do consentimento no centro da trama, proxectarase integramente entre o propio día 6, cando se poderán ver os dous primeiros capítulos, e o día 7, cos outros dous.

A sala José Sellier tamén recibirá o día 9 o catalán Albert Serra, considerado o ‘enfant terrible’ do cinema español, para presentar o documental Tardes de soledad, premiado coa Cuncha de Ouro no último Festival de San Sebastián. Nesta fita, achega un retrato íntimo do toureiro Andrés Roca Rey e a súa cuadrilla e demostra, unha vez máis, a súa capacidade para cuestionar o establecido a través da reflexión sobre a morte, a violencia, a beleza e as representacións da masculinidade.

A película de Serra, da que se ofrecerá unha segunda sesión o día 13, encádrase na sección Fóra de serie, dentro da que tamén se exhibe a fita animación Rock Bottom, de María Trénor (días 2 e 3) e se recuperan dúas das longametraxes máis coñecidas da directora francesa Nelly Kaplan, La novia del pirata (días 21 e 22) e Papa, les petits bateaux... (días 28 e 29).

Perspectivas galegas

Maio tamén lle ofrece ao público da Filmoteca varias oportunidades de se achegar a títulos galegos desde ópticas diversas. A primeira delas será un ciclo sobre Raúl Veiga no que o propio director, que acaba de rodar a súa cuarta longa, estará presentando as súas tres anteriores longametraxes: Arde amor (día 13), O médico certo (día 14) e A metade da vida (día 16), coincidindo coa nova montaxe e dixitalización do filme.

A sección Off Galicia trae á Coruña Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca (días 14 e 16), mentres Materiais para unha historia do cine en Galicia propón o día 30 unha sesión etnográfica arredor de Eloy Lozano, coas curtametraxes Retorno a Tagen Ata, Os oleiros e El castaño, e a versión de 1980 de O carro e o home, de Antonio Román e promovida polo propio Lozano.

Como cada ano, a Filmoteca abre unha xanela ao cinema seleccionado polo festival Play-Doc de Tui, que nesta ocasión pon o foco en dúas figuras do panorama independente norteamericano: Monte Hellman e Elaine May. En maio poderán verse as catro películas de Hellman, un cineasta que se iniciou na serie B, filmou dous westerns con Jack Nicholson –El tiroteo (día 20) e A través del huracán (día 27) – e que máis tarde deu o salto aos estudios Universal con Carretera asfaltada en dos direcciones (día 23), cuxo fracaso comercial o devolveu á produción independente en Gallos de pelea (día 30).

Completa o programa de maio unha nova sesión de cinema familiar dentro de Filmoteca Jr. cunha viaxe ao universo creado polo animador xaponés Hayao Miyazaki en Nausicäa del valle del viento (día 10).

R., 2025-04-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES