
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na inauguración da exposición 8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo, que desenvolve a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co apoio da Xunta de Galicia para visibilizar o legado das mulleres na literatura universal.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a importancia de fomentar discursos que poñen en valor o labor e o talento das mulleres ao longo da historia, facéndoo ademais en galego, o que contribúe á normalización da lingua no marco universitario. Ademais, Valentín García quixo agradecer a colaboración e a implicación da USC, a través da súa Biblioteca Universitaria, en iniciativas que acheguen a cultura e a lingua á xente nova.
Canda o titular de Política Lingüística tamén participaron no acto inaugural, que acolleu a Facultade de Filoloxía da USC, o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijóo; a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal; o decano da Facultade de Filoloxía, Elías Feijóo, e a directora da Biblioteca de Filoloxía, Pilar Díez.
A mostra está composta por nove paneis que recollen as obras de mulleres clave dos últimos dous séculos: Mary Shelley -con Frankestein ou o moderno Prometeo-, Harriet Beechet Stowe -con A cabana do Tío Tom-, Bertha Von Suttner -con Abaixo as armas-, Betty Friedan -con A mística da feminidade-, Clara Campoamor con O voto feminino e eu-, Harper Lee -con Matar a un reiseñor-, Rachel Carson -con Primavera silenciosa- e Hanna Arendt -con Eichmann en Xerusalén-.
A mostra permanecerá na Facultade de Filoloxía ata o 18 de abril para desprazarse, posteriormente, á Biblioteca Concepción Arenal, onde poderá visitarse do 23 de abril ao 16 de maio.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.