
Murias lembrou que vimos dunha semana, a do Día Internacional das Mulleres, o 8 de marzo, na que se desenvolveron moitas actividades de visualización do rol das mulleres en distintos ámbitos, e incidiu en que iso non quede nunha anécdota, senón que accións similares deberían ter lugar todo o ano, como é o caso desta exposición organizada pola Fundación Juana de Vega.
A comisaria da exposición e directora da Cátedra Juana de Vega, a profesora Luisa Muñoz, subliñou que as protagonistas son mulleres de clases populares, traballadoras anónimas, que puxeron o seu esforzo para que Galicia fora competitiva no exterior a través da industria da conserva de peixe, que permitía que as mulleres levaran o pan para a casa igual que os homes.
Pola súa banda, o xerente da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, afirmou que esta exposición conecta de cheo cos obxectivos da Cátedra Juana de Vega, que ademais de estudar as iniciativas e os procesos modernizadores do agro galego, ten como misión facer visible o importante papel que as mulleres, de xeito case oculto e calado, desenvolveron ao longo da historia para favorecer o progreso económico e social da sociedade rural galega. Neste caso, no eido da cadea de valor do mar, compatibilizándoo co traballo agrario para mellorar o sustento económico familiar.
A exposición inclúe varios paneis con forma de latas de conservas e un vídeo que recolle fragmentos da actividade na fábrica de Massó Hermanos a principios do século XX, e constitúe un tributo a todas aquelas mulleres traballadoras que desde o século XIX e ao longo do XX estiveron vencelladas estreitamente ao mar e as súas industrias, e é un relato colectivo de todas estas profesionais da pesca: redeiras, mariscadoras, regateiras ou conserveiras. Pode verse ata o 9 de abril no Colexio de Fonseca de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. A entrada é libre e de balde.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.