Buscador
Noticias
A figura e o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será divulgada a través dunha decena de publicacións ao longo deste 2025, dentro das accións da programación do Ano Castelo, co que o Goberno galego conmemora o 75 aniversario dunha das figuras máis senlleiras de Galicia. Entre elas estarán 'Celebrando a Castelao. O artista polifacético', de Rubén de Lis, dúas edicións da emblemática obra teatral 'Os vellos non deben de namorarse', os discursos institucionais de Castelao (da man da Fundación Castelao) ou a dixitalización da documentación sobre o Estatuto de 1936 (en colaboración co Instituto Padre Sarmiento).
A Filmoteca de Galicia inicia en maio unha retrospectiva arredor do actor italiano Marcelo Mastroianni como parte dunha carteleira na que tamén sobresaen as visitas de dous destacados nomes do actual panorama cinematográfico estatal: Alauda Ruiz de Azúa e Albert Serra. A oferta mensual da cinemateca da Xunta arranca este venres 2 con Corazón Salvaje, que se exhibe na recta final da homenaxe que se lle está a dedicar ao director David Lynch tralo seu recente pasamento. A nova programación inclúe tamén un repaso ás tres longametraxes do cineasta galego Raúl Veiga e a habitual colaboración co festival Play-Doc de Tui, que desta volta pon o foco en dúas figuras do cinema independente norteamericano: Monte Hellman e Elaine May.
Ou Yeah! é unha nova iniciativa arraigada no territorio, comprometida coa súa xente e deseñada para proxectar Ourense ao mundo. A súa esencia é a transformación: do local ao global, do tradicional ao contemporáneo, do escenario ao prato, do concerto ao encontro. Deste xeito, o festival, que ten como columna vertebral o rock, entendido nun sentido amplo, plural e actual, conxuga música, gastronomía, identidade e impacto territorial. Ou Yeah! espallarase pola provincia de Ourense entre os meses de xullo e outubro de 2025. O primeiro concerto terá lugar na capital da provincia, na explanada de Expouerense, o sábado 12 de xullo, da man de bandas de referencia internacionais, nacionais e galegas como The Waterboys, Morgan, Escuchando Elefantes e Tesouro.
A Xunta fixo balance da situación provocada polo apagamento eléctrico iniciado onte pola mañá en toda España, informando dos danos persoais ocasionados e do estado dos servizos públicos galegos. Segundo afirmou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a subministración eléctrica xa está restaurada practicamente en toda Galicia e, se ben existe a posibilidade de que puntos concretos do territorio galego sigan a ter problemas derivados do apagamento, estes están 'en vías de resolverse'. En canto ao control da coordinación da emerxencia, Calvo informou de que na videoconferencia realizada hoxe co Ministerio do Interior varias comunidades 'manifestaron o seu interese de regresar ao nivel 2 de emerxencia' e que Galicia foi unha delas posto que a situación avanza dun xeito positivo e 'agardamos que evolucione a mellor no que queda de día'.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) para que esta se adapte ás necesidades da cadea mar-industria galega. Esta reforma debe incluír unha rexionalización da normativa europea e, por tanto, ter en conta as propostas e participación proactiva das autoridades rexionais na futura toma de decisións que se leven a cabo en Bruxelas neste senso. Así o expuxo este martes na reunión mantida ao máis alto nivel polo Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, os responsables das comunidades autónomas do ramo, e as entidades representantes do sector pesqueiro, acuícola e das mulleres.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Executivo autonómico aprobou hoxe 'solicitar formalmente un informe ao Consello Consultivo de Galicia' sobre 'as posibilidades legais' do traspaso das competencias para xestionar os permisos de traballo das persoas doutros países. O obxectivo é avaliar a posibilidade de asumir esta función en tres áreas concretas: as autorizacións iniciais para que unha persoa estranxeira poida traballar na comunidade, os permisos para traballos de tempada e os de larga estancia por motivos de estudos ou formación.
Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 3 ao 11 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 29 de maio ao 1 de xuño; Redondela, do 12 ao 15 de xuño, e Ourense, do 18 ao 21 de xullo. Xa no mes de xullo haberá Feira do Libro en Vigo, do 1 ao 7 de xullo; en Ponteareas, do 10 ao 13 de xullo, e en Rianxo, do 24 ao 27 de xullo. En agosto as feiras estarán tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.
O Centro Dramático Galego e o colectivo portugués ASTA-Teatro e Outras Artes presentan na Comunidade a súa coprodución 'Rosalía, cartografía de ásperas ortigas'. con tres funcións no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse entre mañá e o luns. Con dirección escénica e dramaturxia do compostelán Roberto Salgueiro, as dúas compañías contan igualmente coa implicación do tamén portugués Cine-Teatro Avenida de Castelo Branco para ofrecer unha proposta teatral actual que reflicte o pensamento e o legado da poeta padronesa. Así, a partir de textos e, sobre todo, versos da escritora tomados de Cantares Gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar, construíuse unha obra propia que afonda na transcendencia da autora.
A principal novidade do programa O machismo é violencia é que conta con testemuñas reais de mulleres vítimas de violencia de xénero e que se complementa con persoal especializado para afondar na problemática das masculinidades tóxicas. Este proxecto desenvolvese en dúas fases. En primeiro lugar, proporcionáselles aos centros educativos unha guía didáctica, que serve como recurso preparatorio para que o profesorado poida abordar o tema de maneira autónoma na aula. A guía, deseñada cun enfoque pedagóxico e interactivo, inclúe actividades e contidos adaptados para facilitar a comprensión e implicación do alumnado.
Galicia logrou reducir no ano 2023 as emisións brutas de gases de efectos invernadoiro (GEI) nun 38,3%, é dicir, a un ritmo cinco veces maior que o conxunto de España, onde a diminución foi dun 5,8% respecto a 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas. Así mesmo, a temperatura media en Galicia subiu 0,2 graos centígrados por década nos últimos anos mentres que en España o incremento foi de 0,25 graos, o que se debe ás características particulares da comunidade pero acredita tamén o esforzo realizado neste eido. Por iso, a autonomía aspira a acadar a neutralidade climática en 2040, unha década anos antes do prazo marcado pola Unión Europea.