
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asistiu esta mañá no CPI de Vedra a unha das xornadas que forman parte do proxecto educativo O machismo é violencia. Esta iniciativa da Xunta, que está prevista ata o momento en máis de 50 centros de toda Galicia, está dirixida ao alumnado de 3º e 4º de Secundaria e Bacharelato e ten como obxectivo sensibilizar e previr a violencia de xénero mediante a reflexión e a participación activa das mozas e mozos.
Na súa intervención, a conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, destacou que con este programa estudantes e docentes teñen acceso a testemuñas reais de mulleres valentes que decidiron alzar a súa voz, algo que considerou fundamental para sensibilizar desde idades moi temperás á mocidade, intervindo de forma activa para poder combater a violencia de xénero. Ao acto tamén asistiron o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e o director do centro, José Viaño.
Fabiola García puxo en valor este proxecto da Xunta, que contribuirá a consolidar as experiencias educativas que comezamos no 25N e que queremos estender ao resto do ano. A conselleira aproveitou para lanzar unha mensaxe á xente nova, instándoos a non normalizar a violencia de xénero en ningunha das súas formas, a manter os ollos abertos e a estar unidos para poder detectar, previr e erradicar a violencia sobre as mulleres.
Os centros educativos interesados en formar parte desta iniciativa poden inscribirse nesta ligazón na que se atopa un formulario básico para anotarse e poderán escoller a data que mellor se adapte ás necesidades do centro para realizar a actividade.
A principal novidade do programa O machismo é violencia é que conta con testemuñas reais de mulleres vítimas de violencia de xénero e que se complementa con persoal especializado para afondar na problemática das masculinidades tóxicas. Este proxecto desenvolvese en dúas fases. En primeiro lugar, proporcionáselles aos centros educativos unha guía didáctica, que serve como recurso preparatorio para que o profesorado poida abordar o tema de maneira autónoma na aula. A guía, deseñada cun enfoque pedagóxico e interactivo, inclúe actividades e contidos adaptados para facilitar a comprensión e implicación do alumnado.
Na segunda fase, levase a cabo unha intervención presencial nos centros estruturada en tres accións. A primeira delas consiste no testemuño dunha muller que superou situacións de violencia de xénero e que compartirá cos estudantes a súa experiencia persoal. A segunda acción é a intervención dunha educadora ou educador experta en igualdade de xénero, que guiará a sesión a través de dinámicas participativas e promoverá a interacción entre o alumnado e a vítima. E a terceira das accións é unha charla a cargo dun perfil especializado en masculinidades, que abordará as causas e consecuencias dos comportamentos machistas.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.