Noticias

Galicia encamiña a recuperación da normalidade nunha xornada na que os servizos públicos funcionaron sen incidencias de peso

A Xunta fixo balance da situación provocada polo apagamento eléctrico iniciado onte pola mañá en toda España, informando dos danos persoais ocasionados e do estado dos servizos públicos galegos. Segundo afirmou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a subministración eléctrica xa está restaurada practicamente en toda Galicia e, se ben existe a posibilidade de que puntos concretos do territorio galego sigan a ter problemas derivados do apagamento, estes están 'en vías de resolverse'. En canto ao control da coordinación da emerxencia, Calvo informou de que na videoconferencia realizada hoxe co Ministerio do Interior varias comunidades 'manifestaron o seu interese de regresar ao nivel 2 de emerxencia' e que Galicia foi unha delas posto que a situación avanza dun xeito positivo e 'agardamos que evolucione a mellor no que queda de día'.

Na súa intervención, o conselleiro tamén informou que sobre as 12 do mediodía tívose coñecemento do falecemento de tres persoas en Taboadela, presuntamente como consecuencia da “elevada concentración de monóxido de carbono” na vivenda producido por un xerador na planta baixa da casa, empregado para proporcionar electricidade a unha das persoas.

Ademais, o Goberno galego, a través do 112, tamén tivo coñecemento durante o apagamento doutra intoxicación por monóxido de carbono de dúas persoas en Rianxo, as cales foron trasladadas ao correspondente centro sanitario con vida, e de tres falecementos máis en distintas circunstancias: unha persoa de 59 anos con distintas patoloxías en Ferrol, outra de 81 anos en Betanzos e de 86 en Dumbría.

En canto ás chamadas telefónicas recibidas polo 112 desde que se declarou o nivel 2 de emerxencia, Calvo informou de que foron case 3.000, das cales máis de 900 “deron lugar á mobilización de distintos medios” para axudar aos demandantes de auxilio sobre todo nas primeiras horas, principalmente a aqueles que quedaron atrapados en ascensores.

No que se refire ao transporte en autobús, o conselleiro afirmou que esta mañá aumentáronse as prazas dispoñibles, “sobre todo nos eixos de comunicación nos que o servizo ferroviario non está a funcionar”, co fin de aumentar as posibilidades de transporte das persoas que o precisan.

Por último, no que atinxe aos centros de día, se ben non puido ofrecerse o servizo de transporte, si houbo persoal nos mesmos durante o día de hoxe para atender ás familias que o precisaban e que puideron levar aos seus familiares polos seus propios medios. Neste momento, dos 1.885 usuarios dos centros de día en Galicia asistiron 44.

Centros educativos e escolas infantís

Tal e como sinalou o conselleiro, no día de hoxe os centros educativos galegos permanecen abertos, aínda que sen actividade lectiva, para atender aos alumnos que se achegan ata eles por motivos de conciliación. Segundo as últimas cifras, o 2,5% do total do alumnado acudiu aos centros, ao redor de 8.000 alumnos.

Os servizos de Inspección Educativa estiveron en contacto con eles durante toda a mañá para facilitar unha progresiva volta á normalidade. Aqueles nos que a primeira hora se produciu algún tipo de confusión polas limitacións nas comunicacións durante o apagamento, foron atendidos polos servizos técnicos da Consellería de Educación para facilitar a apertura.

Do total dos 1.076 centros públicos, unicamente houbo incidencias en menos dun centenar, a maioría por falta de subministración eléctrica xa que esta non volveu ao mesmo tempo en toda Galicia.

En canto ás escolas infantís 0-3 anos, unha vez que Galicia foi recobrando a normalidade desde primeira hora da mañá, foron tamén reabrindo as súas portas en función da situación na que se atopaba cada centro e da dispoñibilidade de persoal para garantir a correcta atención. En todo caso, a asistencia ao longo da xornada foi reducida dado que a inmensa maioría das familias optaron por non levar aos nenos. Nas escolas infantís da rede pública autonómica a asistencia do alumnado roldou o 3,5%.

Centros sanitarios

En materia sanitaria, Calvo informou de que os hospitais están xa traballando “desde pola mañᔠcoa subministración eléctrica, estando garantida a atención médica. Actualmente, o conxunto dos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde pódese afirmar que están funcionando con normalidade.

Con carácter xeral, os centros hospitalarios están a realizar a maior parte da súa actividade ordinaria, tanto de consultas como de cirurxías e hospitais de día. Como é lóxico nestas situacións, o ritmo da actividade estase a ver condicionado por factores derivados do corte de subministración, que afectou á esterilización, determinadas aplicacións informáticas, etc.

En todo caso, en todas as áreas sanitarias estase atendendo con carácter preferente as prioridades 1 e intervencións urxentes.

A situación nos centros de saúde, en xeral, é de relativa normalidade, se ben en casos puntuais aínda se está a traballar para recuperar plenamente a subministración eléctrica ou de telecomunicacións.

A Consellería de Sanidade está a traballar para recuperar plenamente as funcionalidades da historia clínica electrónica, tanto nos servizos hospitalarios como nos de atención primaria, que están a rexistrar incidencias como consecuencia da desconexión rexistrada. Tamén agradece a responsabilidade da cidadanía e recoñece o esforzo de todo o persoal do Servizo Galego de Saúde que fixo posible manter a asistencia en todo momento a pesar das extraordinarias dificultades. Por exemplo, grazas aos profesionais do 061 atendéronse 16 ictus que precisaron traslado.

Ademais, en todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde rexistráronse desde o momento do corte de subministración ata hoxe ás 8 da mañá un total de 39 nacementos.

Por áreas sanitarias, na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos con carácter xeral, estase a manter a actividade hospitalaria programada para hoxe. Hai problemas puntuais nos centros de saúde de Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla e Quiroga, onde non se restableceu a subministración eléctrica na súa totalidade, funcionando grazas aos xeradores, o que permite manter a asistencia. No día de onte realizáronse un total de 110 intervencións cirúrxicas, aínda que foi preciso suspender 8 operacións programadas de carácter non urxente.

Na área de Ferrol, a actividade nos centros de saúde está normalizada a esta hora na práctica totalidade dos centros, con algunha incidencia puntual de carácter técnico. Tamén se mantén a actividade dos quirófanos prevista para hoxe nos hospitais Arquitecto Marcide e Naval. No día de onte realizáronse un total de 50 intervencións cirúrxicas, aínda que foi preciso suspender 6 operacións programadas de carácter non urxente.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a actividade hospitalaria está normalizada e non hai agora mesmo ningún centro de saúde sen subministración eléctrica, polo que se mantén a actividade programada, tanto en hospitalaria como en atención primaria. No día de onte realizáronse un total de 58 intervencións cirúrxicas, aínda que foi preciso suspender 14 operacións programadas de carácter non urxente.

A área sanitaria da Coruña e Cee está retomando a súa actividade, tanto en consultas e probas, como en cirurxías. Os centros de saúde tamén están funcionando, aínda que con algúns problemas puntuais nas comunicacións. No día de onte realizáronse un total de 94 intervencións cirúrxicas, aínda que foi preciso suspender 83 operacións programadas de carácter non urxente.

Tamén na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras a situación é de relativa normalidade, manténdose a actividade cirúrxica e as consultas nos hospitais, ao tempo que se segue a realizar a actividade nos centros de saúde, pese a que nalgún deles se rexistra aínda algún problema puntual coa subministración. No día de onte realizáronse un total de 89 intervencións cirúrxicas, aínda que foi preciso suspender 15 operacións programadas de carácter non urxente.

Na área sanitaria de Vigo (Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña) todos os hospitais manteñen a actividade que tiñan programada para hoxe. Os centros de saúde realizan a súa actividade con relativa normalidade. Os centros de Arbo e das Neves, onde se rexistraron maiores complicacións nas últimas horas debido á tardanza no restablecemento da subministración eléctrica, xa contan con conexión. No día de onte realizáronse un total de 105 intervencións cirúrxicas, aínda que foi preciso suspender 64 operacións programadas de carácter non urxente.

Por último, a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza está a recuperar a actividade paulatinamente. Estanse a realizar as consultas e actividade cirúrxica programada, con atención preferente ás prioridades 1 e urxencias. Os centros de saúde tamén están a realizar a súa actividade ordinaria, con algunha salvedade e incidencia puntual, como nos centros de Santiso e Toques, que non teñen totalmente restablecida a subministración eléctrica. No día de onte realizáronse un total de 92 intervencións cirúrxicas, aínda que foi preciso suspender 69 operacións programadas de carácter non urxente.

R., 2025-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (vivenda-santiago.jpg) O informe da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas cifra en 2.943 as vivendas de promoción pública en marcha diferentes fases de tramitación e execución na comunidade. Estas vivendas forman parte do traballo do Goberno galego para duplicar o parque público residencial, o que significa que neste momento a Xunta ten xa en marcha o 73 % dos novos fogares comprometidos para esta lexislatura. Cómpre recordar que en 2025 o Goberno galego triplicou o orzamento destinado á vivenda pública e solo residencial. O Informe reflicte así que neste momento, a Xunta de Galicia ten 2.943 vivendas de nova construción en marcha, o que supón un investimento xa licitado de 208 M€, e un total estimado de 451 M€.
Foto de la tercera plana (alumnos-curso.jpg) A nova ferramenta, que se activará nos próximos días, está configurada como un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poderán empregar os docentes en calquera momento en que sexa necesario para obter información sobre o ambiente de convivencia na súa aula. Está prevista para ser utilizada, tal e como informou Rueda, nos últimos cursos de educación primaria (5º e 6º) e en secundaria, bacharelato e FP. Logo da decisión do profesor de activar o Termómetro Acoso Escolar, e unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.

Notas

Cando se cumpre un lustro do seu nacemento, a G-Night, Noite das Persoas Investigadoras, achegará o vindeiro 26 de setembro máis de 200 actividades de divulgación científica ás sete principais cidades de Galicia. Baixo o lema 'Conciencias creativas', as sete cidades serán escenarios de decenas de actividades para achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo.
Achegar o patrimonio e a arqueoloxía á xente e facer que a sociedade civil coñeza, protexa e sexa a protagonista da historia é o obxectivo de 'Fortalezas da Fronteira', un proxecto cultural no que participa a USC, e que pretende poñer en valor o rico patrimonio que oculta a fronteira dunha e outra beira do Miño. O proxecto está actuando no xacemento de 'As Torres', no Concello de Tomiño, coa participación de arqueólogos e comunicadores conxuntamente coa Comunidade de Montes de Taborda e do que forman parte mozos e mozas dun Campo de Voluntariado da Xunta.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES