
Galicia logrou reducir no ano 2023 as emisións brutas de gases de efectos invernadoiro (GEI) nun 38,3%, é dicir, a un ritmo cinco veces maior que o conxunto de España, onde a diminución foi dun 5,8% respecto a 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas.
Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou hoxe ao Colexio Los Sauces, de Pontevedra, no marco do ciclo Inspiradores polo clima, unha acción incluída no programa Mocidade polo Clima que busca achegar ao alumnado galego proxectos innovadores así como o talento de distintos profesionais que traballan para avanzar no obxectivo da neutralidade climática.
Tras destacar ante uns 70 rapaces de 2º e 3º da ESO e do Bacharelato Internacional a transcendencia que ten interiorizar pequenos xestos cotiás e prácticas responsables no coidado do medio ambiente e na loita contra o quecemento global, a conselleira resaltou tamén a posición que ocupa Galicia como a comunidade que máis reduciu en 2023 as súas emisións netas (é dicir, a diferencia entre emisións e absorcións) e animou á mocidade galega a ser parte activa da acción climática para consolidar ese liderado.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, Ángeles Vázquez destacou tamén a posición privilexiada que ocupa a comunidade como refuxio climático natural e como exemplo a seguir pola posición de vangarda que asumiu na loita contra o cambio climático e os seus efectos.
Así mesmo, lembrou que a temperatura media en Galicia subiu 0,2 graos centígrados por década nos últimos anos mentres que en España o incremento foi de 0,25 graos, o que se debe ás características particulares da comunidade pero acredita tamén o esforzo realizado neste eido. Por iso, a autonomía aspira a acadar a neutralidade climática en 2040, unha década anos antes do prazo marcado pola Unión Europea.
Nesta liña, a responsable autonómica salientou a relevancia de que haxa un traballo coordinado entre as distintas administracións, empresas e mesmo centros educativos co fin de que o conxunto da cidadanía forme parte dun proxecto común para reducir as emisións e preservar o tesouro natural e climático que é Galicia.
A modo de exemplo, precisamente, a conselleira eloxiou a implicación do alumnado de 1º da ESO deste colexio pontevedrés nun proxecto innovador relacionado co clima e que tivo a oportunidade de coñecer durante a visita. Baixo o nome Nautilclean, a iniciativa escolar ten como obxectivo desenvolver boias náuticas intelixentes que utilizan enerxía renovable para velar polo bo estado de ríos e mares e contribuír á vez á acción climática.
Mocidade polo Clima
A Xunta puxo en marcha a finais do ano pasado o programa Mocidade polo Clima, unha iniciativa de carácter transversal e pioneira na comunidade coa que aspira a formar, informar e animar a actuar fronte ao cambio climático cada ano a máis de 15.000 mozos e mozas galegos con idades comprendidas entre os 3 e os 35 anos.
Trátase dunha das principais novidades incluídas no II Plan rexional integrado de enerxía e clima 2024-2030, que dirixirá as liñas de acción do Goberno galego a medio prazo para avanzar cara ao obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte do ano 2040.
Na práctica, Mocidade polo Clima desenvólvese arredor de tres eixos de actuación: formación desde a etapa de educación infantil ata a universidade; información e divulgación canalizada vía visitas e eventos con relatores de referencia na materia; e acción, a través do fomento da participación activa e o compromiso entre a mocidade.
Neste sentido, o ciclo Inspiradores polo clima enmárcase no eixo de concienciación e divulgación e grazas a el, hoxe parte do alumnado de Los Sauces puido coñecer os proxectos sostibles e innovadores que están a desenvolver dúas empresas pontevedresas da man dos seus creadores. Por iso, a conselleira salientou que con estas charlas a Xunta busca inspirar ás novas xeracións para motivalas a cambiar o mundo.
A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.