
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro de Ferrol, a primeira das citas deste ano do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que percorrerá 13 cidades e vilas ata finais do mes de agosto.
As feiras do libro son o mellor escaparate para que os nosos profesionais, xa sexan escritores ou editoriais, amosan o bo momento que vive a nosa cultura e animan cada vez a máis xente a gozar da lectura, sinalou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Neste senso, Anxo M. Lorenzo, celebrou o aumento rexistrado en Galicia no número de persoas que mercan e len libros, sobre todo por lecer, e que se sitúa por riba da media estatal.
O sector do libro é, sen dúbida, un dos grandes piares da nosa cultura e por iso é unha moi boa nova que o 96,7 % dos galegos e galegas maiores de 14 anos le en calquera formato ou soporte, xa sexa impreso ou dixital, polo menos unha vez ao trimestre, afirmou o director xeral de Cultura en referencia ao Informe sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia durante 2024 avaliado este mesmo mes polo Consello da Xunta.
Así mesmo, Anxo M. Lorenzo fixo un chamamento á cidadanía para achegarse estes días á praza da Constitución para participar nas actividades e descubrir a oferta que traen os libreiros, xa que, tal e como di a campaña institucional lanzada pola Xunta de Galicia con motivo do Día do Libro: quen ten un libro, ten un tesouro.
A Feira do Libro de Ferrol estará aberta en horario de 11,00 a 14,30 horas e de 17,00 a 21,00 horas cunha programación que se iniciou hoxe coa lectura do pregón a cargo da escritora e licenciada en Historia, Ana Isabel Bello Platas. Entre as propostas inclúense obradoiros, presentacións, sesións de teatro infantís e sinaturas de libros nas que participarán máis de 40 escritores e escritoras.
13 vilas e cidades de abril ata agosto
Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 3 ao 11 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 29 de maio ao 1 de xuño; Redondela, do 12 ao 15 de xuño, e Ourense, do 18 ao 21 de xullo.
Xa no mes de xullo haberá Feira do Libro en Vigo, do 1 ao 7 de xullo; en Ponteareas, do 10 ao 13 de xullo, e en Rianxo, do 24 ao 27 de xullo. En agosto as feiras estarán tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.
O apoio a esta iniciativa encádrase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co sector do libro e o fomento do hábito lector. Así, ademais do apoio ao circuíto impulsado coa Federación da Librarías de Galicia, a Xunta inviste máis de 3 millóns de euros en convocatorias para promocionar o sector de libro, traducir obras, adquirir novidades ou apoiar ás empresas editoriais.
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.