Buscador
Noticias
A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á oitava semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, mantendo unha tendencia estable. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria diminuíu un 6 % respecto da semana previa e fica en 55,7 consultas por 100.000 habitantes. O descenso da taxa obsérvase en todos os grupos de idade, agás no de 20 a 59 anos, no que aumentou lixeiramente. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas diminuíu en todas elas agás nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e de Ferrol, nas que se mantivo estable.
A Filmoteca de Galicia conmemora o Día da Muller durante todo marzo cunha nova edición do programa Olladas de Muller, coa proxección de 11 filmes e curtametraxes de autoría feminina, e con dúas actividades do ciclo Close-up, que ofrece un encontro con Jonás Trueba e Itsaso Arana e unha mesa de debate arredor da programación con perspectiva integradora. Neste mes, a cinemateca acolle un especial sobre o cineasta nipón Shinji Sōmai e dálle continuidade á retrospectiva sobre o director e produtor catalán Pere Portabella. Do 5 ao 8 de marzo regresa á sala José Sellier da Coruña o ciclo gratuíto Olladas de Muller, coa visita de tres directoras galegas para presentar as súas últimas películas: Prefiro condenarme, de Margarita Ledo Andión (mércores 5); Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño (xoves 6), e As Neves, de Sonia Méndez (venres 7).
A economía galega medrou un 2,9% no cuarto trimestre de 2024 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da información publicada polo Instituto Galego de Estatística. En canto á evolución intertrimestral, de setembro a decembro de 2024 o PIB autonómico aumentou un 0,8%, mentres que o ano se pechou cun crecemento do 2,8%. Os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no cuarto trimestre un 1,0%.
Cada dez anos as universidades públicas galegas, sobre o que ten dado de si a investigación educativa en Galicia. A terceira destas análises aparece compilada no libro A Investigación Educativa en Galicia (2015-2024) que este xoves se presentou no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Foi o catedrático da USC e coordinador da obra, Miguel A. Santos Rego, quen presentou os detalles no acto, que ademais contou coa participación do reitor Antonio López, do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e do director da Editorial Galaxia, Xosé Soutullo.
O Gozo Festival é unha das grandes citas dos Concertos do Xacobeo e neste 2025 achegará a Galicia figuras internacionais de renome como Lenny Kravitz (nun concerto no que contará con Estrella Morente como artista convidada), David Guetta, Alanis Morissette ou Lionel Richie, e aos que se suman agora Maná e Bright Eyes. Nominado para entrar no mítico Rock and Roll Hall of Fame, Maná esta considerado o grupo de rock en español máis influente do mundo e un dos nomes latinos máis importantes de todos os tempos. Bright Eyes estrearase o 11 de xullo en Galicia liderando o escenario indie de principios do século XXI con discos como 'Lifted' ou 'I'm Wide Awake, Its Morning', e unha das voces máis representativas do xénero.
O Rexistro de pacientes con enfermidades raras de Galicia (RERGA) da Consellería de Sanidade reflicte un total de 5.217 casos, dos que 2.474 son en mulleres e 2.743 en homes. Coincidindo coa celebración do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se celebra mañá, a Consellería de Sanidade fai balance da situación. Así, dos datos do Rexistro despréndese que os casos das enfermidades raras con máis rexistros corresponde á ELA, con 582 casos, dos que 347 son homes e 235 mulleres; seguido da colanxite biliar primaria (enfermidade hepática), con 441 casos, dos que 399 son mulleres e 42 homes; e da enfermidade de Huntington, con 294 casos, 158 en mulleres e 136 en homes.
O concurso escolar sobre o Día das Letras Galegas convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e dirixido aos centros de ensino público, xa ten gañadores. Así, nesta edición a comisión avaliadora decidiu que os mellores traballos, coas cantareiras e a poesía popular oral como protagonistas, corresponden ao colexio Celso Emilio Ferreiro, do municipio coruñés de Cerceda, na categoría de Infantil e Primaria, e ao Instituto Castelao, de Vigo, na categoría de Secundaria. A iniciativa convidaba aos estudantes a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviron as mulleres que protagonizan a efeméride en 2025.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, no que lle trasladou que os datos que ten a Xunta sobre a poboación do lobo en territorio galego constatan que o seu estado é favorable, polo que instou ao Goberno central a excluír esta especie canto antes do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe) mediante unha modificación da orde ministerial. A responsable autonómica lembrou que a comunidade xa remitiu ao Executivo central os seus datos de cara á elaboración do informe sexenal da especie para o período 2019-2024, sendo unha das primeiras autonomías en facelo, en tempo e forma.
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, sinalou que o reparto da débeda autonómica entre todos os españois suporá que cada galego deba pagar 220 euros máis. Ademais, sinalou que a débeda mutualizada a Galicia 'non desaparece', súmase á doutras Comunidades Autónomas e increméntase a que 'pasa a ter cada galego'. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia, o presidente da Xunta sinalou que a mutualización dos 4.000 millóns de débeda autonómica non implica a transferencia directa deses recursos e que pasen a estar a disposición da Xunta. Con esta medida, parte da débeda das autonomías pasaría a estar asumida pola Administración Xeral do Estado, pero as comunidades non contarían con novos recursos e unicamente aforrarían o pago de parte dos xuros.
O Instituto Nacional de Estatística (INE), fixo hoxe públicos os primeiros datos turísticos de 2025 referidos aos hoteis e pensións durante xaneiro. Neste mes, un total de 179.837 viaxeiros aloxáronse nos establecementos hoteleiros e fixeron 317.129 noites, uns niveis superiores aos do ano pasado, rexistrando uns incrementos do 3,3% en viaxeiros e do 1,7% en noites. O bo comportamento ten que ver co incremento, neste mes, do turismo de ámbito nacional, que medrou un 5% o interno (residentes en Galicia) e un 3% o que procede do resto de Estado. Neste contexto, o sector hoteleiro foi quen de manter un nivel de ingresos semellante ao do pasado ano superando os 12M e manténdose por segundo ano consecutivo por riba deste limiar.