Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

A BFAero é unha iniciativa de innovación aberta que conta coa colaboración de Indra, Babcock, pequenas e medianas empresas do sector, as universidades galegas e entidades como o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Fundación CEL, que se encargará da xestión operativa. Enmarcada na aposta de Galicia polo sector aeronáutico e, en concreto, no impulso ao polo aeroespacial da Comunidade, a iniciativa pretende seleccionar, incubar e acelerar novas empresas que acheguen solucións innovadoras a esta industria e, en concreto, á dos vehículos aéreos non tripulados, atraendo e retendo, deste xeito, talento de primeiro nivel a este sector.
Galicia presentou esta mañá en Madrid o proceso de avaliación da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia ante representantes doutras Comunidades Autonómas no marco dunha xornada organizada pola Red I+D+i, coordinada polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) e dependente dos ministerios de Facenda e de Ciencia, Innovación e Universidades. As Estratexias de Especialización Intelixente son a folla de ruta das rexións europeas para avanzar na súa competitividade, crecemento económico e emprego a través da innovación e un requisito imprescindible para acceder aos fondos de cohesión da Unión Europea no período 2014-2020.
Celebrouse hoxe a presentación do proxecto sobre seguridade aérea Galician Skyway-Civil UAVs Initiative, que a multinacional Boeing desenvolverá no polo aeroespacial de Galicia, en Rozas. Trátase dun proxecto froito do traballo dunconsorcio composto por: ENAIRE, dependente do Ministerio de Fomento; INTA, dependente do Ministerio de Defensa; o centro tecnolóxico galego GRADIANT; a multinacional tecnolóxica galega TELEVÉS; CENTUM, unha startup tecnolóxica galega especializada en telecomunicacións; SOTICOL, unha empresa de base tecnolóxica que xurde na Universidade de Alcalá; e a Xunta.
Os proxectos galego-lusos Cologistics, Spin & Up e Mobae veñen de ser elixidos polo Programa europeo de Cooperación Interreg V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 para seren desenvolvidos durante os próximos anos. As tres iniciativas, que contan coa axuda financeira da Xunta e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dispoñen dun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros. A segunda convocatoria do POCTEP, que ten como obxectivo principal a promoción do desenvolvemento económico e social do espazo transfronteirizo de España e Portugal, escolleu 96 iniciativas tras pasar un proceso de selección en réxime de concorrencia competitiva ao que se presentaron 295 candidaturas.
Un ano máis, a Rede CeMIT celebra o Día Mundial de Internet, que terá lugar o vindeiro 17 de maio, cunha programación especial de actividades durante a segunda quincena de maio, que se suma ás iniciativas que diariamente se realizan desde a Rede CeMIT na que se ofrecerán máis de 240 actividades e 2.000 horas de formación. As actividades programadas desde a Rede CeMIT con motivo deste día teñen como finalidade sensibilizar á sociedade galega sobre as posibilidades do uso da internet e así como da redución da fenda dixital e do fomento do uso seguro e responsable. A Rede CeMIT está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital.
A World Robot Olympiad (WRO) é unha competición de robótica educativa de ámbito internacional, que ofrece aos nenos e nenas unha oportunidade de achegarse dunha maneira lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñería. Os estudantes, coa orientación dun entrenador, deben construír un robot innovador que supere un reto. Así, aprenden e demostran a súa capacidade de resolución de problemas, ao mesmo tempo que desenvolven competencias persoais. Na WRO englóbanse diversos retos que se celebran de forma independente. Na categoría Regular, os equipos deben construír robots que consigan a máxima puntuación ao resolver probas presentadas sobre un taboleiro.
O proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina desenvolvido por estudantes pontevedreses é o gañador absoluto da Galiciencia 2019. A proposta de Nuno Sinde e Pedro Fernández, do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio, de combater esta especie invasora usando fungos foi o mellor valorado polos 40 membros do xurado entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2020 (Barcelona). Durante os tres días que durou a primeira edición de primavera da Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2.000 visitantes.
Seis de cada dez microempresas galegas emprega software libre, experimentando un aumento do 10,3% no último ano. No caso das empresas de 10 ou máis empregados, a porcentaxe supera o 87%, por riba da media española, o que sitúa a Galicia no quinto posto da comparativa por Comunidades Autónomas, por diante de Madrid, Cataluña ou País Vasco. No caso concreto do sector TIC galego o uso do software libre xa acada o 89,7%. Son datos recollidos nos dous estudos sobre o uso de software libre nas empresas e nas empresas informáticas de Galicia no ano 2018, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
Galicia acollerá en 2020 a sexta edición do evento Unvex, un foro centrado en sistemas non tripulados en España e Latinoamérica, organizado pola editorial IDS, especializada en información sobre mercados e industrias tecnolóxicas e editora de medios dixitais como Infodron, Infodefensa e Infoespacial. O evento celebrarase en Santiago de Compostela e o Polo aeroespacial de Rozas do 16 ao 18 de xuño de 2020, co patrocinio da Xunta de Galicia. O evento estará centrado nun mercado emerxente, o dos servizos públicos, xa que cada vez máis as administracións demandan solucións tecnolóxicas e eficientes para ofrecer mellores servizos aos cidadáns en ámbitos como a protección do medio ambiente, a vixilancia costeira, o rescate, as emerxencias, saúde e seguridade, infraestruturas ou acceso a áreas remotas.
Galicia participa na principal feira da industria dos drons a nivel internacional, a Xponential 2019, en Chicago (Estados Unidos), na que a Civil UAVs Initiative, a iniciativa para crear un polo de referencia internacional no ámbito aeroespacial en Galicia, conta cun espazo de seu dentro do pavillón do ICEX. A participación da Civil UAVs Initiative nesta feira enmárcase no plan de internacionalización da iniciativa, co obxectivo de xerar novas oportunidades de negocio aos axentes implicados na iniciativa e contribuír a posicionar a Galicia como un polo de referencia internacional no segmento dos vehículos non tripulados para uso civil.
« Anterior | 36  de  60 | Siguiente »

Notas tecnologia

No marco da programación da ICC Week 2023, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense, a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense acolleu a mesa redonda 'Aplicacións da intelixencia artificial á nosa sociedade'. A IX Semana das Industrias Culturais e Creativas ten lugar ata o domingo nunha ducia de localizacións da cidade e da provincia.
O grupo de investigación Farmatox da USC, coordinado polo catedrático da área de Farmacoloxía na Facultade de Veterinaria de Lugo, Luis Miguel Botana, pescuda no mecanismo que provoca a toxicidade das biotoxinas ao abeiro do proxecto BIOTOXDoc, un programa internacional incluído na estratexia Horizonte Europea, no que participan máis dunha ducia de entidades europeas.
O que fora profesor da USC, Manuel Colmeiro y Penido, acaba de ser elixido ‘Científico Galego do Ano’ pola Real Academia Galega de Ciencias, converténdose no primeiro científico social que recibe esta distinción por parte da Academia. A institución destaca que “non só foi un académico sobresaínte, polifacético, fecundo e recoñecido, cunha obra que influenciou a múltiples economistas, xuristas e historiadores.
A oitava edición da Xornada Mulleres na Ciencia abordará a robótica, un tema de “plena actualidade no eido da investigación, cun notable impacto interdisciplinar, e social polo tanto”. A Xornada Mulleres na Ciencia organízase dende o ano 2015 en concordancia coa asemblea anual da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia coa vontade de abordar temas de interese e actualidade na investigación así como no que afecta á fenda de xénero na academia e a na investigación.
Como cada verán dende hai seis anos, o Cinbio, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, celebrará entre os días 20 e 21 de xullo o seu Annual Meeting. Esta cita, organizada polas investigadoras e investigadores de posdoutoramento do centro, ten como obxectivo reunir científicas e científicos interesados nas áreas de química, bioloxía, medicina, física, matemáticas e informática, apostando así por unha xuntanza de carácter interdisciplinario.
As VIII Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad, JNIC, principal referencia en xeración de coñecemento e innovación de ciberseguridade a nivel estatal, celebraranse este ano en Vigo. Serán do 21 ao 23 de xuño organizadas polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e o centro tecnolóxico Gradiant, co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridade, Incibe.
O lobo feroz xa non se agocha baixo o disfrace de avoa, agora agarda as súas vítimas escondido nas redes sociais. E é que aínda que a sociedade ten avanzado moito no eido da igualdade e da diversidade de xénero, 'as carapuchiñas do século XXI non se libran do acoso dos lobos a través das pantallas'.
Un dos grandes misterios en astropartículas é saber como unha partícula, na súa viaxe polo cosmos de centos de millóns de anos luz cara á Terra, pode ser acelerada cunha enerxía ata dez millóns de veces superior á que alcanzan os protóns no acelerador de partículas máis potente do mundo, o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN.
Con sede no Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e coa científica Estefanía Paredes como presidenta fundacional, nace a Sociedad Española de Criobiología (SECrio). Esta entidade pretende agrupar unha ampla diversidade de profesionais con intereses neste ámbito de coñecemento que estuda os efectos das baixas temperaturas en materiais ou sistemas biolóxicos.
Unirisco e Noso Capital co apoio da tres universidades galegas e a Xunta de Galicia promoven unha xornada que reunirá, por primeira vez en Santiago, os 30 principais inversores que impulsan o emprendemento en innovación e transferencia tecnolóxica que operan en España, xunto co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxica Industrial.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES