Noticias

R e a Amtega poñen en marcha unha aceleradora de contidos dixitais para impulsar iniciativas innovadoras comercializables no medio prazo

O programa comezará co lanzamento de 5 retos tecnolóxicos, un deles en colaboración coa Televisión de Galicia. Un comité de avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda fase elixiranse os 5 proxectos definitivos. Os retos formularanse en torno a temáticas como o gaming, publicidade e marketing, novos contidos e experiencias, formación innovadora, realidade virtual e aumentada, modelos de negocio, Internet das Cousas (IoT) e Intelixencia Artificial (IA), contidos sociais, apps Android, seguridade e propiedade ou contidos enriquecidos.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o operador R poñen en marcha a aceleradora de contidos dixitais Startups R_DICo Challenge, no marco do plan Dico Mindset impulsado polo departamento autonómico. O obxectivo é rendibilizar a medio prazo as solucións que xurdan da aceleradora contidos e axudalas a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado dos contidos dixitais entro ou mesmo de fóra da Comunidade.

A aceleradora foi presentada na Coruña pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o director xeral de R Alfredo Ramos. A responsable autonómica destacou a importancia desta “iniciativa enmarcada no Plan DiCo Mindset da Xunta, co que queremos contribuír a configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo”.

O director xeral de R salientou que a idea é “canalizar o talento e os proxectos innovadores, fomentar o emprendemento e que o sector poida aproveitar todo ese potencial para mellorar os seus produtos e servizos”.

Retos e selección dos proxectos

O programa comezará co lanzamento de 5 retos tecnolóxicos -un deles en colaboración coa Televisión de Galicia-, que nos próximos días se poderán consultar na web da aceleradora (www.startupsR.com). Un comité de avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda fase elixiranse os 5 proxectos definitivos.

Os retos formularanse en torno a temáticas como o gaming, publicidade e marketing, novos contidos e experiencias, formación innovadora, realidade virtual e aumentada, modelos de negocio, Internet das Cousas (IoT) e Intelixencia Artificial (IA), contidos sociais, apps Android, seguridade e propiedade, contidos enriquecidos, distribución, audiovisual… etc.

Os seleccionados recibirán sesións formativas durante varios meses e terán, ademais, á súa disposición, cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontaros gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos.

Ademais, os 5 retos seleccionados no programa poderán utilizar o espazo Startups R que se habilitará na Cidade da Cultura e terán acceso á infraestrutura e modelo de negocio de R, recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e titores e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. Ao final, e tras a mutua aprendizaxe, os elixidos terán en R un potencial primeiro cliente e un trampolín para outras saídas comerciais ao mercado. Máis información en www.startupsR.com.

Axenda Dixital 2020

Ao remate desta primeira edición do programa, no mes de xuño-xullo de 2019 desenvolverase unha xornada-demo para analizar o resultado destes meses de traballo e a materialización dos proxectos.

O programa Start Ups R_DiCo Challenge enmárcase de xeito global nos compromisos adquiridos pola Amtega na contorna da Axenda Dixital 2020 para desenvolver proxectos tractores que fomenten a modernización e a innovación tecnolóxica (acordos Dico Mindset). Esta colaboración entre a administración autonómica e máis o operador galego forma parte, así mesmo, Pacto Dixital asinado en 2013 entre a Xunta e R, xunto con outras 12 empresas do sector TIC para potenciar o desenvolvemento dixital da comunidade.

R., 2018-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES