Notas de prensa

A industria alimentaria galega busca solucións innovadoras para a quinta edición da BFFood

Business Factory Food, a aceleradora vertical do sector alimentario de Galicia, abre o prazo de presentación de proxectos que integrarán a súa quinta edición. Das propostas presentadas a esta convocatoria seleccionaranse 16 proxectos innovadores de emprendemento, tanto da contorna estatal como internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria galega.

BFFood ten impulsado ao longo das súas catro edicións un total de 47 proxectos das 255 candidaturas recibidas, tanto dende España coma dende fóra de Europa. Nesta nova edición escolleranse ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración, de nove meses de duración, e ata seis para o de consolidación, que se estende ao longo de doce meses. A BBFood está impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

Dúas modalidades

As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora aliñada con algún dos retos que busca resolver o sector alimentario a través da aceleradora, poden presentar a súa candidatura a unha das dúas modalidades de BFFood. A modalidade de aceleración consiste nun programa de apoio integral e enfocado a iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, que estean desenvolvendo un produto ou servizo mínimo viable e esbozando un modelo de negocio.

Doutra banda, a modalidade de consolidación é un programa de apoio integral e enfocado a empresas xa constituídas, cun produto ou servizo definido e aliñado cos retos formulados pola BFFood. Para as dúas modalidades, especializadas no sector alimentario, BFFood ofrece varios programas entre os que está a formación que este ano por primeira vez consistirá nun curso propio coordinado pola USC e avalado polas tres universidades públicas galegas.

Os proxectos do programa de aceleración poderán acceder a unha financiación de 25.000 euros a fondo perdido por parte de GAIN, así como optar a un préstamo participativo de ata un máximo de 50.000 euros a través de XesGalicia. Os proxectos do programa de consolidación poderán optar a un préstamo participativo que podería implicar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 euros por parte de XesGalicia. Cada proxecto seleccionado contará coa mentoría específica dunha ou máis das empresas alimentarias tractoras da BFFood.

Esta aceleradora busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos formulados polas empresas do sector da alimentación: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén está definido un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.

Infoday

Para presentar esta quinta edición, dar a coñecer os beneficios asociados a participar en BFFood e resolver todas as dúbidas ao respecto dos programas de apoio que ofrece a aceleradora e do proceso para participar, Clusaga e FEUGA organizan o 4 de novembro, ás 10.00 horas, o Infoday. Este evento, que terá lugar en Santiago de Compostela, servirá para recapitular os logros de pasadas edicións, facer networking e abordar dende distintas perspectivas a innovación, o emprendemento e os futuros retos do sector alimentario.

BFFood está xestionada por un consorcio liderado por Clusaga que, ademais, inclúe no seu comité técnico a participación da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, AGACA, ANFACO CECOPESCA e FEUGA.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2022-10-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES