Noticias

Crece un 145% o uso da internet entre os galegos de 55 a 64 anos desde 2011

A idade é un dos factores determinantes no uso da internet. En Galicia os maiores de 55 anos representan preto do 40% da poboación e nese punto márcase unha importante fenda no acceso á rede. De feito, a porcentaxe de uso entre os galegos de menos de 44 anos sitúase en valores próximos ao 100% mentres que os que maiores de 55 non chegan ao 65%. A pesar dos case 40 puntos de diferenza entre ambas as franxas de idade, no últimos sete anos esta fenda foise acurtando significativamente.

Desde 2011, segundo datos do INE, o uso da internet entre galegos de 55 a 64 anos incrementouse un 145%, o segundo maior aumento do conxunto do Estado. Tamén creceu a porcentaxe de persoas de 65 a 75 anos que navegan por internet, que por primeira vez supera o 44% cando en 2011 estaba nun 9,2%.

Para algunhas persoas, maioritariamente entre os 16 e os 34 anos o uso da internet é inherente á súa dinámica habitual. Fóra desa franxa de idade a convivencia con nenos en idade escolar ou mozas tamén facilita o achegamento á tecnoloxía. Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información sinalan que o 97,5% dos fogares galegos con nenos de 3 a 16 anos teñen contratado o servizo de banda larga, 17 puntos máis que os fogares onde non residen nenos. No caso de fogares con estudantes maiores de 16 anos a porcentaxe elévase ata o 98,9%.

Formación e divulgación

Achegar a tecnoloxía ás persoas que están fóra desas franxas de idade e sen convivencia con nenos é un dos obxectivos da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnóloxica (CeMIT), que abriu as súas portas en 2011. Con máis de 320.000 horas de formación impartidas nestes sete anos a rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento e conta co apoio dos 800 aliados dixitais adheridos ao plan entre empresas, entidades públicas e privadas e voluntarios.

Os usuarios da Rede poden acceder ao seu Plan de Formación, presencial ou a través da plataforma de teleformación. Ademais, as aulas desenvolven campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.

A rede CeMIT está integrada por preto 100 aulas (98 exactamente) repartidas en 92 concellos presentes en todas as comarcas que ofrecen formación en TIC pública e gratuíta. Actualmente conta con máis de 81.000 usuarios dos cales 20.400 teñen máis de 55 anos.

Obxectivos CeMIT 2019

O obxectivo final da Rede CeMIT é acadar que a cidadanía acceda ao mundo dixital, e dotar aos galegos e galegas das capacidades e habilidades dixitais necesarias para facer pleno uso das TIC e aumentar a súa calidade de vida, a empregabilidade, a inserción social e a innovación social dixital.

Dado o bo resultado acadado en 2018, coa colaboración dos máis de 800 aliados dixitais, a Xunta busca en 2019 continuar garantindo e ampliando a capilaridade e universalidade destes servizos de capacitación dixital promovendo a participación dos axentes sociais, empresariais e entidades públicas para acadar unha maior variedade de temáticas e actuacións en materia de inclusión dixital en todo o territorio galego.

Concretamente, en 2019 está previsto que a Rede imparta máis de 35.000 horas formativas no eido dixital e acade os 88.000 usuarios e usuarias.

Tamén fomentarase a certificación de competencias dixitais e o desenvolvemento de actividades como o uso seguro da rede, o manexo da administración electrónica, a robótica e programación ou o pilotaxe de drons.

R., 2019-01-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES