Notas de prensa

Récord de participación, asistentes, patrocinadores e conferencias nas JAI 2022

As Jornadas sobre tecnologías y soluciones para la automatización industrial (JAI) recuperarán a presencialidade do 14 ao 18 de novembro nunha edición récord en número de firmas participantes (preto de 125), persoas asistentes rexistradas (2000 entre profesionais e alumnado) e conferencias (45). A 8ª edición das JAI achega ademais novidades no seu programa, con catro mesas redondas.

Destas catro, dúas moderadas por ISA Spain e as outras dúas por AER Automation, centradas en ciberseguridade, mantemento preditivo, robótica móbil e visión e intelixencia artificial; ao que se engade unha grande exposición de robótica, co dobre de participantes que na derradeira edición, e a presenza de Spot Enterprise de Boston Dynamics, o cuadrúpedo co brazo máis avanzado do momento. Así mesmo, varias firmas patrocinadoras e participantes amosaran os seus robots máis avanzados, nos eidos colaborativo, sensitivo e móbiles autónomos, principalmente.

Este mediodía na presentación das JAI 2022 a vicerreitora de Comunicación e relacións institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, gabou o labor desenvolvido ao longo de 18 anos e oito edicións das xornadas polo seu coordinador, o docente e profesor do departamento de Enxeñaría de sistemas e automática, José Ignacio Armesto, ao tempo que manifestou o total apoio da institución académica á iniciativa. “Isto é como un buque insignia para todas as enxeñarías e un exemplo de colaboración púlblico-privada, da que tanto se fala, que resulta moi estimulante para os estudantes porque os pon en contacto coa realidade dun sector que ten grandísimo atractivo”, dixo a vicerreitora .Valderrama tamén destacou o atractivo das JAI para a captación de alumnado e o “importantísimo” aval que lle outorgan moitas empresas.

Pola súa banda, Armesto lembrou que o evento ao longo dos anos contou coa participación de alumnado de diferentes titulacións que se imparten na UVigo, de xeito que, “facéndoo o máis profesional posible, teña tamén un toque lúdico, porque a tecnoloxía é divertida, ademais de ter unhas bases de aprendizaxe universitaria”. O coordinador das JAI destacou o innovador desta fórmula, que non existe nin en España, nin fóra, “polo que chama bastante a atención ás firmas, que cando o coñecen, gústalles o formato”.

Cambio de localización das conferencias e unha trintena de participantes no showroom

As novidades desta edición,que un ano máis persegue o obxectivo de poñer en contacto o mundo universitario, en especial ao seu estudantando, coa realidade profesional do sector, complétanse co cambio de localización das conferencias, que este ano se desenvolverán no salón de actos da Escola de Telecomunicación, e non na de Enxeñaría Industrial, como viña sendo habitual. Pola sua banda, o showroom Industria 4.0 si manterá a súa tradicional ubicación na entrada da EE Industrial, onde nesta 8ª edición se darán cita unha trintena de postos expositivos, que se irán rotando durante os catro días de duración das xornadas e nos que haberá espazo para a robótica lúdica e social, avanzada e móbil e colaborativa. Ademais este ano, terán especial protagonismo neste showroom as asociacións de estudantes como UVigo SpaceLab ou UVigo Motorsport.

Entre o 14 e o 18 de novembro superaranse as 40 horas de conferencias e mesas redondas, impartidas por 70 profesionais do sector, que abordarán nos seus relatorios cuestións como infraestruturas críticas, monitorización e control, activos IT/OT, ciberseguridade industrial e zero trust, xemelgo dixital, intelixencia artificial, analítica de datos, industria de proceso, etc. Logo da edición integramente virtual do ano 2020, Armesto destacou o traballo realizado desde hai meses para garantir un elevado número de inscricións e asegurou que “semella que a xente ten ganas de volver á normalidade. Ao final o éxito destes eventos mídese pola audiencia e está causando impacto e a todo o mundo que lle explicas esta fusión universidade-empresa, na que eles veñen á nosa casa, lles gusta”. Neste sentido, o coordinador das JAI agradeceu a presenza nesta edición, que tamén se poderá seguir de xeito virtual, de 35 firmas moi recoñecidas no sector, así como dos patrocinadores.

Universidade de Vigo, 2022-11-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (radio-na-biblio.jpg) O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros. Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Foto de la tercera plana (aitor-martinez.jpg) Tivo lugar a na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato'.

Notas

O encontro 'Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA– Proxecto Nós' serviu para dar a coñecer os resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós no marco de ILENIA, unha iniciativa orientada a avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado. Datos, casos de uso e ferramentas abertas de tradución automática, síntese de voz e modelos lingüísticos en galego déronse a coñecer neste foro que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados.
O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES