Noticias

A aceleradora de contidos dixitais de R e a Amtega lanzan 5 retos tecnolóxicos a emprendedores e empresas

A Amtega e R veñen de lanzar os 5 retos do programa startups R DiCo Challenge, que xa están publicados na web da aceleradora dixital do operador galego. Os emprendedores e empresas novas ou consolidadas que queiran participar poden presentar as súas propostas a través do formulario habilitado neste portal ata o vindeiro 8 de febreiro. A posta en marcha desta aceleradora, que foi presentada a finais de novembro na Coruña polo director xeral de R e a directora da Amtega, enmárcase no Plan DiCo Mindset da Xunta, para contribuír a configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo.

O primeiro dos retos busca conseguir propostas de sistemas para o enriquecemento de contidos deportivos. Trátase de lle tirar partido ás posibilidades dos datos e de internet para conseguir experiencias intensificadas na contorna do deporte na pantalla: xogos, publicidade, sincronización con aplicacións, elección de cámara...

O segundo reto procura aplicacións para Android TV. Dunha banda, na vertente de contidos xerados pola comunidade de usuarios (por exemplo, os vídeos compartidos) e doutra, o gaming, os xogos e as competicións en streaming dende a tele.

Sobre contidos formativos innovadores vai o terceiro reto de startups R DiCo Challenge. A idea é buscar solucións para ser quen de formar aproveitando todas as posibilidades do universo dixital: realidade aumentada, simulación tridimensional, audiovisual, gaming, a televisión conectada...etc.

A Televisión de Galicia patrocina o cuarto reto da aceleradora dixital de R e fala do big data aplicado ao consumo televisivo. No medio audiovisual, os datos, a información, tamén son esenciais. Con este reto búscanse ideas para recoller, ordenar a aproveitar os datos cara un consumo televisivo intelixente que nos permita tomar “decisións informadas”.

O quinto e último é o chamado reto aberto, pensado para os máis innovadores. A única condición que se esixe neste caso é que os proxectos acheguen algo novo no eido dos contidos dixitais (realidade aumentada, ioT aplicada a contidos dixitais, ferramentas de animación...)

Selección de proxectos

Unha vez rematado o período de presentación de propostas, un comité de avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda elixiranse os 5 proxectos definitivos. Os seleccionados recibirán sesións formativas durante varios meses e terán, ademais, á súa disposición, cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos.

Ao tempo, os 5 retos seleccionados no programa startups R_DiCo Challenge, que poderán utilizar o espazo startups R habilitado na Cidade da Cultura, traballarán man a man con R e terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio, recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e titores de R e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo.

Os que opten polo reto patrocinado pola TVG contarán, pola súa banda, cun mentor e cos medios e infraestruturas da Televisión de Galicia. Ao final, e tras a mutua aprendizaxe, os elixidos terán en R un potencial primeiro cliente e un trampolín para outras saídas comerciais ao mercado.

Plan DICO Mindset

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase de xeito global nas actuacións do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, en concreto no seu eixo prioritarios de actuación E3. Colaboración e competitividade dixital.

Esta colaboración entre a administración autonómica e máis o operador galego forma parte, así mesmo, do protocolo asinado en 2013 entre a Xunta e máis R, xunto con outras 12 empresas tecnolóxicas para potenciar o desenvolvemento dixital da comunidade.

En suma, innovación aberta e colaborativa en Galicia entre os sectores público e privado con emprendedores e empresas, para lle dar saída ao talento innovador de cara á plena dixitalización e desenvolvemento da sociedade galega.

R., 2018-12-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES