
Este mércores tivo lugar o acto de presentación, no Polígono Industrial da Granxa, no Porriño, do Centro Tecnolóxico Galego do Videoxogo. Ao mesmo acudiron personalidades das administracións autonómicas, provinciais e locais e unha ampla representación do sector industrial galego.
O Centro nace co obxectivo de servir de punto de encontro para todos aqueles proxectos que teñan como base os videoxogos pero tamén, como transferencia tecnolóxica desde o sector do videoxogo cara a outras empresas e industrias que poidan necesitar de servizos como gamificación, realidade aumentada ou virtual, etc.
Resultado da aposta de Ledisson A& IT e PolygoneStudios, dúas empresas galegas cunha ampla experiencia en proxectos industriais e creación de videoxogos respectivamente, supón o dispoñer en Galicia do primeiro centro nacional destas características que achegará tamén colaboración con centros de formación para fomentar as saídas profesionais que ofrece o sector e a súa difusión entre os estudantes.
Actualmente o centro conta con 6 traballadores en persoal e, a previsión é crecer ata os 20 traballadores en 2019 aumentando os actuais proxectos e servizos que pon o centro a disposición das empresas de videoxogos e da industria en xeral.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.