//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
Tivo lugar no Pazo de San Roque o acto de entrega da última edición dos certames Novos Poliedros e Inventa en galego, convocados co gallo do Mes da Ciencia en galego por IGACIENCIA para promover entre a mocidade a innovación tecnolóxica en galego. No certame Novos Poliedros resultaron gañadores o instituto IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña; o IES Carlos Casares, de Vigo; o IES de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol. No certame Inventa en galego o gañador foi o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, da Coruña.
A designación de Galicia como sede da AESIA é un recoñecemento aos esforzos da nosa Comunidade por situarse na vangarda da transformación dixital pese as limitacións de partida relacionadas coas súas características poboacionais e xeográficas. A actual posición de Galicia é o resultado da aplicación de dúas axendas dixitais e, neste momento, da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030). Precisamente, o eixo transversal da EGD2030 refírese á especialización da nosa Comunidade no coñecemento e na aplicación das tecnoloxías. A instalación da AESIA na nosa Comunidade cumpre e reforza os obxectivos de atraer infraestruturas e entidades de referencia, así como de reter e atraer talento dixital.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, compareceu na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia a para expoñer as principais liñas de acción da folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026, onde destacou que a Comunidade xa conseguiu liderar a nivel europeo a I+D en tecnoloxías de sistemas non tripulados, atraendo a cinco empresas de referencia como son Airbus, Babcock, Telespazio, Boeing e Indra. O obxectivo é transformar ese liderado en pegada industrial nesta iniciativa de territorio que xa concentra en diferentes municipios galegos a 70 empresas e centros de coñecemento de toda a cadea de valor dos sistemas non tripulados.
Na nova edición desta iniciativacolaboran, xunto coa Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), o Consorcio Aeronáutico Galego, e Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia. O responsable de Economía, Industria e Innovación da Administración autonómica sinalou que o seu apoio, xunto co dos tres novos socios tecnolóxicos e o que seguen prestando outras compañías de referencia no sector implicadas no proxecto, como Indra e Boeing, é vital para que a Business Factory Aero sexa a canteira de proxectos, empresas e startups que van marcar o futuro desta industria en Galicia e a súa proxección internacional.
Esta Estratexia introduce diversas novidades importantes que se van sumar as xa implantadas pola Xunta, tales como a implantación dun novo programa asistencial de seguimento para as persoas que finalizan un tratamento oncolóxico, é dicir, ter moita conta dos longos superviventes; a creación dunha rede colaborativa con atención primaria e outras especialidades para a formación en determinadas patoloxías oncolóxicas; sobre todo aquelas que requiran un diagnóstico precoz ou nas que a sospeita diagnóstica sexa complexa; ou o deseño de algoritmos que permitan identificar os factores de risco das distintas enfermidades oncolóxicas.
O Polo Aeroespacial de Galicia, para o que hai algo máis dun ano se aprobou o novo Plan Estratéxico, permitiu en cinco anos mobilizar xa 164 millóns de euros de investimento público-privada, atraer a compañías punteiras do sector, crear ou acelerar 24 novas empresas e abrir as portas á participación de 900 profesionais. O Goberno galego apostou polos vehículos aéreos non tripulados, cuxa incorporación para a mellora dos servizos públicos permitiu, entre outros adiantos, perseguir o furtivismo, loitar contra os incendios forestais, buscar persoas desaparecidas ou recuperar espazos naturais a través da cartografía.
O presidente do Goberno galego asegurou que Galicia conta co ecosistema innovador, o talento e a vontade para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. No acto de presentación da candidatura galega, Rueda recordou que Galicia conta co apoio de máis de 70 organismos e empresas cun rico sistema de innovación tecnolóxica no que prestan servizo máis de 50 firmas, o 80% delas, galegas. A Comunidade, ademais, conta desde hai máis dun ano cunha Estratexia para o desenvolvemento da intelixencia artificial e quere ser pioneira acollendo a sede da primeira axencia europea encargada de velar pola implantación das normas que van lexislar e regular o uso dos datos masivos, o dereito á intimidade das persoas ou o impacto das máquinas na sociedade.
O Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia comeza o curso 2022/2023 con novas actuacións para todas as idades, cos obxectivos de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os rapaces e rapazas, e impulsar a adaptación dos estudantes, titulados e profesionais aos novos perfís dixitais esixidos pola transformación tecnolóxica. O catálogo para o novo curso escolar pechouse hoxe nunha xuntanza de traballo presidida por Julián Cerviño Iglesia, o director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, na que participaron as empresas do Pacto dixital que colaboran co Plan. As propostas das empresas iranse incorporando á web Digitalent, á medida que se pechen datas e prazas de cada unha.
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu a apertura de 'O Galiverso empeza aquí', unha iniciativa tecnolóxica, cultural e educativa para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial galego a través do emprego de tecnoloxías inmersivas. Neste novo espazo do Museo Centro Gaiás as persoas visitantes poderán vivir 12 experiencias diferentes de realidade virtual que percorren monumentos, espazos naturais e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas.
O desenvolvemento do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para avanzar na especialización dixital, permitirá á nosa comunidade afrontar o reto ante o que se atopan as rexións para reducir a dependencia tecnolóxica do exterior, dentro dun escenario caracterizado pola escaseza de materias primas, a inflación e a aceleración no uso das tecnoloxías provocado pola pandemia da Covid-19. Como consecuencia desta situación, é necesario que as rexións aumenten as súas capacidades e infraestruturas propias para limitar a dependencia do exterior.
A enerxía solar orgánica perfílase como un interesante complemento ás tecnoloxías fotovoltaicas convencionais. Fronte aos paneis solares de silicio, as células solares orgánicas fabrícanse con materiais plásticos e, por tanto, son lixeiras, flexibles e potencialmente máis sostibles. En concreto, estes dispositivos dependen de polímeros semicondutores cuxo rendemento está estreitamente ligado á súa estrutura molecular interna.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC participaron na final nacional do desafío CanSat 2025, celebrada en Ourense. Trátase dunha iniciativa organizada pola Oficina de Recursos para a Educación Espacial, que desafía ao alumnado a construír e lanzar un satélite funcional do tamaño dunha lata de refresco.
Xa pasaron catro anos desde aquel primeiro The Thinking Institute que converteu Vigo no epicentro mundial do coñecemento en nanonociencia. Como cada mes de xuño, este encontro científico internacional regresa ao campus para celebrar a súa cuarta edición, reincidindo no seu firme propósito de crear un espazo para o intercambio de ideas sen as barreiras habituais deste tipo de congresos, e aberto a todas aquelas persoas con inquedanzas científicas.
120 profesionais participaron este martes en Vigo no XXXI Seminario de Loxística, un encontro profesional que cada primavera reúne na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo a un destacado número de profesionais que abordan neste encontro os principais retos e oportunidades aos que se enfronta un sector marcado pola chegada das tecnoloxías disruptivas que redefinen as dinámicas tradicionais, entre elas, a IA, unha grande aliada á hora de optimizar procesos e responder ás exixencias dun mercado cada vez máis áxil e globalizado.
Era o 1 de xuño do ano 2015, Día Internacional do Leite, cando a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC inauguraba as súas novas instalacións en Lugo. Unha década despois e logo de que esta plataforma tecnolóxica chegase aos 30 anos de vida, é o momento de conmemorar este aniversario cunha xornada festiva na que se poderá visitar este centro e coñecer as persoas, tecnoloxías e equipos cos que traballan xa convertidos nun referente europeo.
A Universidade de Vigo participará en cinco novos proxectos para desenvolver tecnoloxías innovadoras no ámbito aeroespacial e farao da man de empresas de relevancia internacional que lle achegarán á institución preto de 1,5 millóns de euros. Estas novas iniciativas desenvolveranse no marco do Programa Tecnolóxico Espacial (PTE), promovido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI).
AWKE naceu co obxectivo de contribuír á mellora das competencias básicas, especialmente a competencia en comunicación lingüística, plurilingüe e intercultural. Apoia plans de transformación dixital en educación primaria e secundaria; isto inclúe o desenvolvemento da pedagoxía dixital e a experiencia no uso de ferramentas dixitais para os docentes, incluídas tecnoloxías accesibles e de apoio, e a creación e o uso innovador de contidos educativos dixitais.
Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future. Baixo este lema o CINBIO celebrará o vindeiro mes de xullo o seu oitavo Annual Meeting, renovando o seu firme propósito por visibilizar as ferramentas que marcarán a medicina do futuro. Un ano máis, Vigo converterase no punto de encontro no que científicos de todo o mundo compartirán a súa experiencia en química, física, bioloxía, medicina, nanotecnoloxía e saúde.
Máis do 27% das e dos adolescentes que participaron nun estudo (coa participación de 666 mozas e mozos de entre 14 e 18 anos) do grupo de investigación PS1 sobre prevención da ciberviolencia de xénero foron vítimas de situacións de ciberacoso e preto do 35% presentan risco de padecer condutas de grooming, episodios de acoso sexual a menores baseados no establecemento dunha relación de confianza a través da rede.
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil está de aniversario, dun especial: este centro de investigación da UDC cumpre 25 anos de actividade investigadora en materia de edificación e enxeñaría civil. Un percorrido que o levou a converterse nun centro de referencia en Galicia e tamén a nivel nacional. Baixo o lema 'Imaxinar, innovar, vivir e celebrar', o centro reafirma a súa vocación de seguir xerando impacto real na contorna.