
A través de contidos audiovisuais, cigus.gal proporciona información sobre as liñas de investigación, os proxectos en desenvolvemento e o impacto xerado por cada un dos centros. Recolle datos de contacto e un apartado específico para coñecer o programa de actividades, formación e accións transversais nos que participan os investigadores da rede. O obxectivo desta iniciativa é reforzar a visibilidade da Rede CIGUS como estratexia de promoción exterior, impulsando a proxección internacional da I+D+i das universidades galegas.
Apoio á investigación e retorno económico
A Rede CIGUS, modelo único en España e cofinanciada polo programa operativo Feder Galicia 2021-2027, reúne máis de 1.600 investigadores e logrou captar máis de 180 millóns de euros en proxectos competitivos nos últimos catro anos. O Goberno galego leva investidos preto de 68 millóns de euros nesta estrutura, cun incremento do 31% na convocatoria actual, na que oito centros renovaron a súa acreditación e dous se incorporaron á rede.
Os centros que conforman a Rede CIGUS son dous da Universidade da Coruña (CITIC e CICA), cinco da Universidade de Santiago de Compostela (CIQUS, IGFAE, CIMUS, CITIUS e CRETUS) e tres da Universidade de Vigo (AtlanTTic, CINBIO e CIM).
Impulso á ciencia galega
O lanzamento de cigus.gal enmárcase na estratexia do Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027, recentemente aprobado pola Xunta de Galicia. Dotado con 1.310 millóns de euros, este plan establece medidas centradas no talento investigador, a transferencia de coñecemento, a mellora dos servizos públicos e a especialización, co obxectivo de consolidar Galicia como referente internacional no ámbito científico e tecnolóxico.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.