
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego impulsará na Comunidade a primeira plataforma experimental de eólica mariña que permitirá testear prototipos flotantes e realizar estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade. Trátase dunha das actuacións que recolle o Protocolo Xeral de Actuación que o Consello da Xunta acordou hoxe asinar coa Autoridade Portuaria da Coruña e Rede Eléctrica de España.
O obxectivo é establecer liñas de colaboración que contribúan ao adecuado desenvolvemento das enerxías mariñas en Galicia desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema, xa que, ademais desta infraestrutura singular, tamén se incidirá na xeración de coñecemento e a elaboración de estudos pois Galicia conta cun dos principais recursos eólicos mariños non só en España, senón de Europa, tanto na potencial xeración de enerxía como no desenvolmento tecnolóxico e industrial, sinalou o líder do Executivo galego.
A este respecto, o presidente do Goberno autonómico apuntou que o 74% da produción enerxética en Galicia xa procede de renovables con todo, seguimos camiñando con paso decidido para contar co 100 % de tal forma que para o ano 2050 se poda acadar a neutralidade climática.
Cun investimento de ao redor de 12M, prevese que a zona experimental se localice a 10 quilómetros da costa fronte ao porto exterior da Coruña. Incluirá entre dous e tres aeroxeradores, polo que poderá acadar unha potencia total de 30MW. Este proxecto xorde dos traballos realizados no marco do Observatorio da eólica mariña e será unha das infraestruturas de referencia do Polo da innovación de enerxías mariñas e almacenamento enerxético no que traballa o Goberno galego.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia agarda optar tanto ás axudas para proxectos piloto, plataformas de ensaio e infraestruturas portuarias para as renovables mariñas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; como aos fondos do Perte de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento.
Neste sentido, desde o Goberno galego, Rueda sinalou que agardamos que o Goberno central presente canto antes os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), porque ningún promotor pode tramitar un proxecto de eólica mariña ata que o Executivo delimite estas zonas. Un asunto sobre o que, segundo incidiu o líder autonómico, a propia Comisión Europea ten solicitado que se axilice. Sen esta folla de ruta ningún promotor pode tramitar un proxecto de eólica mariña ata que o Goberno delimite estas zonas.
Galicia conta cun dos principais recursos eólicos mariños de Europa, tendo o potencial de converterse nun referente neste ámbito e sempre coa premisa do respecto e a compatibilidade co resto de actividades que xa se desenvolven no ámbito mariño. Así, un adecuado desenvolvemento da tecnoloxía eólica mariña na nosa comunidade pode supoñer unha oportunidade para un maior aproveitamento do potencial renovable de Galicia, un mellor posicionamento e mellora da competitividade das empresas e industrias galegas, e un reforzamento das actividades que xa se veñen desenvolvendo no mar.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.