Notas de prensa

Constituída a sociedade xestora da Cidade das TIC, entidade encargada de impulsar e dinamizar a CdTIC

A sociedade xestora da Cidade das TIC quedou constituída tras a sinatura do documento de constitución por parte do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Este acto formaliza a posta en marcha da entidade encargada de xestionar este proxecto tras a aprobación en novembro por parte das institucións dos novos estatutos que rexerán o funcionamento da sociedade.

Ditos estatutos introduciron cambios clave para reforzar o liderado da Universidade da Coruña na Cidade das TIC. Entre as principais modificacións destaca a inclusión dun sistema de gobernanza que outorga á UDC voto de calidade en todas as decisións relacionadas coa docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento.

Tras a sinatura, o reitor da UDC, Ricardo Cao, subliñou a importancia deste “novo fito para a Cidade das TIC, un proxecto clave no desenvolvemento da dixitalización e de impulso de todo o ecosistema TIC para a cidade e para toda Galicia”.

Pola súa banda, a alcaldesa destacou a importancia da Cidade das TIC á hora de potenciar o tecido académico e científico da UDC, facilitando a creación de sinerxías e abrindo camiño á colaboración empresarial e inserción laboral, “co impacto positivo que isto terá en termos sociais e económicos para a cidadanía”.

Estrutura da sociedade xestora

A sociedade xestora divídese en tres órganos fundamentais: a Xunta Xeral, o Consello de Administración e a Dirección.

Tras a sinatura, nun breve prazo constituirase o Consello de Administración, unha vez que hoxe se designaron os seus membros. Está integrado inicialmente por sete persoas (4 por parte do Concello e tres por parte da Universidade), con opción de ampliarse ata un máximo de doce. O primeiro presidente deste órgano será o reitor da UDC, que desempeñará o cargo durante todo o exercicio do ano 2025; e, a partir de 2026, a presidencia recaerá na persoa titular da Alcaldía do Concello da Coruña. Os cargos serán non retribuídos e a sociedade non realizará pagamentos por ningún concepto ás persoas que os ostenten.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES