Noticias

O investimento en I+D volve medrar en Galicia ata acadar a cifra record de 1.058 millóns

Galicia continúa incrementando o seu gasto en I+D: o investimento galego neste eido volve medrar ata acadar a cifra récord de 1.058 millóns de euros. Así se indica no informe Estatística sobre actividades de I+D do ano 2024, publicado hoxe polo Instituto Nacional de Estatística. Este incremento supón un crecemento de case un 10%, superior ao do conxunto do Estado que foi de case o 7%. Isto supón que o gasto en I+D aumenta 95 millóns de euros con respecto ao ano anterior (2023), uns datos que evidencian a aposta pola investigación e a innovación. De feito, a Comunidade escala un posto, superando a Castela e León, no ránking de autonomías que máis invisten en ciencia. Convértese, así, na sexta rexión con maior investimento neste eido.

Estes bos resultados son tamén mostra da aposta decidida da Xunta de Galicia pola I+D+i e por converter Galicia nun territorio de referencia. A ciencia é unha prioridade para o Goberno autonómico como se pon de manifesto en políticas públicas como o Plan galego de investigación e innovación 25-27, a folla de ruta para impulsar a I+G+i.

Segunda rexión con máis crecemento feminino

No que respecta ao persoal, o número de mulleres dedicadas á I+D tamén se incrementa con máis forza en Galicia que no conxunto do Estado con respecto ao ano anterior, nun 1,95% fronte o 0,53% de España. Ademais, Galicia posiciónase como a segunda rexión cun maior crecemento de mulleres investigadoras, só por detrás da Rioxa.

R., 2025-11-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES