A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe na Fundación CEL no evento de ingreso dos proxectos seleccionados na Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación impulsado pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. Serán 11 iniciativas as que participarán na súa cuarta edición, a que máis propostas recibiu, un total de 88.
Para o itinerario de incubación, orientado a empresas en fases iniciais dos seus proxectos, existen tres prazas; en aceleración, deseñado para empresas cun modelo máis evolucionado, son cinco as propostas desta cuarta edición; e, como gran novidade, implántase a fase de consolidación, pensada para empresas xa asentadas que queren ir un paso máis alá nos seus proxectos e na súa presenza nos mercados, na que haberá tres proxectos. En definitiva, englóbanse todas as fases do talento emprendedor, desde a súa concepción orixinal ata a execución efectiva das solucións desenvolvidas.
Das 11 propostas empresariais que protagonizarán esta nova edición do programa, un total de 8 corresponden a iniciativas de orixe galega. As outras 3 son de Cataluña, Navarra e Uruguai, feito que referenda o modelo autonómico en materia de internacionalización e de retención e captación de talento innovador no sector aeroespacial. Entre os seleccionados hai 3 empresas que xa teñen participado en edicións anteriores da BFAero e 4 constituirán novas iniciativas empresariais en Galicia.
En canto ás áreas temáticas nas que se encadran as distintas iniciativas empresariais escollidas, a categoría con maior presenza é a de Aplicacións, cun total de 6 proxectos, seguida de Plataformas con 3 e finalmente Equipos, con 2. Os 11 proxectos empresariais seleccionados empregan a un total de 57 persoas.
O itinerario de incubación é de 12 meses de duración, o de aceleración de 8 meses e o de consolidación de 4 meses. Estes 11 proxectos seleccionados accederán a un completo programa de formación con titores especializados no sector aeroespacial e disporán do apoio económico da Xunta de Galicia e da integración no ecosistema en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia, ademais dun bono de 10.000 para empregar servizos e infraestruturas nos que se inclúen horas de voo e apoio en certificacións do sector, entre outros.
A BFAero, en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo, favoreceu nas súas tres primeiras edicións, a participación de 19 empresas, a creación de 8 start-ups e un investimento de 5M. Coa cuarta e a quinta convocatoria, que contan cun investimento total de 7,2 M, o obxectivo é apoiar un total de 25 empresas do sector.
Os 11 proxectos escollidos
Esta iniciativa da Xunta de Galicia para o sector aeroespacial enmárcase dentro da Rede galega de aceleradoras sectoriais de innovación e presenta aos 11 proxectos e empresas que protagonizarán a máis completa das edicións desenvolvidas ata o momento:
ITINERARIO DE INCUBACIÓN
Proxecto Counter-UAS (spin out de Gradiant, Galicia): Sistema de detección, identificación e neutralización de drons a través dun sensor de radiofrecuencia e un sensor electro-óptico.
Kreios Space (Cataluña): Desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica autónoma para satélites que permitirá reducir custos e aumentar a resolución de imaxes ata 16 veces.
Aguia - Proxecto Smart Pavement Analytics (Galicia): Análise de imaxes e elaboración de informes automáticos para a inspección de infraestruturas liñais.
ITINERARIO DE ACELERACIÓN
Enercraft (Galicia): Solución de xestión enerxética e monitorización de datos para a optimización do uso e prolongación da vida útil das baterías dos vehículos non tripulados, reducindo a pegada industrial.
Generadron - Proxecto Dronewind II (Galicia): Mellorana toma de datos das pas dun aeroxenerador en movemento e a automatización avanzada do proceso para poder comercializar tanto o sistema como o servizo. (Participante na primeira edición de BFAero).
Beagle Technology (Galicia): Solución que inclúe software e hadware para ofrecer conciencia situacional mellorada en situacións de emerxencia (vídeo en tempo real xeoposicionado e posición de medios participantes propios ou alleos á mesma: embarcacións, aeronaves, ambulancias...).
Dronfies Labs Proxecto Cielum (Uruguai): Plataforma de provisión de servizos U-Space que engloba módulos de xestión e control do espazo aéreo, a integración por software e por hardware.
Solucións aeronáuticas de Galicia - Proxecto Anduriña 25 (Galicia): Deseño, fabricación e comercialización dunha aeronave polivalente de grande autonomía con despegue e aterraxe vertical. É a primeira aeronave VTOL (engalaxe e aterraxe en vertical, polas siglas en inglés de vertical take-off and landing) redundante en todos os seus sistemas críticos desenvolvida e patentada en España.
ITINERARIO DE CONSOLIDACIÓN
SDMAP - Proxecto ATOM (Galicia): Ferramenta para a integración de drons en operación e mantemento de instalacións industriais. Crea un entorno de traballo, planifica operacións, xestiona e procesa datos para análises complexas. Hardware a software que optimiza a captura de información, xestión, almacenamento e consulta. (Participante na terceira edición de BFAero).
UAV Instruments- Proxecto CÍES 2.2 Solar Powered (Galicia): Fotogrametría e agricultura de precisión para vixilancia. Intervención temperá en incendios forestais e para asistencia de emerxencias en persoas situadas en zonas de difícil acceso aumentando a taxa de supervivencia. (Participante na terceira edición de BFAero).
FuVeX (Navarra): Automatización da inspección de liñas eléctricas mediante drons de longo alcance, trátase dunha iniciativa pioneira en España.
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia reunirá do 17 ao 25 de xullo 25 espectáculos procedentes de Galicia, Portugal, Francia, México e diferentes comunidades autónomas, nunha 42ª edición atravesada pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos, a memoria histórica, a música en directo e a capacidade da escena para activar pensamento crítico e experiencia colectiva. Entre estas propostas figura A Fortaleza, da compañía A Feroz, coproducida polo Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura de Consuelo Rodríguez López, Chelo.
O Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco celebrará do 6 ao 20 de outubro a súa oitava edición cun programa articulado arredor da música antiga, os instrumentos históricos, a divulgación e o encontro co público. O certame compostelá ofrecerá seis concertos en diferentes espazos da capital de Galicia, ademais de cinema documental, unha conferencia, unha acción de improvisación, un club de lectura e varios encontros cos artistas. A programación principal de Ateneo Barroco desenvolverase en espazos como a Igrexa da Universidade, o Teatro Principal, o Salón Teatro e o Paraninfo da Universidade. O calendario de recitais abrirase con Lina Tur Bonet e Bach, partita, sonata, e continuará con Ars Atlántica, Resonet, Arc & Volta e Bertrand Cuiller, antes do peche con Accademia del Piacere e Fahmi Alqhai en In dulci jubilo.