
As tipoloxías de software libre que máis presenza teñen nas empresas galegas son os navegadores de internet, as aplicacións ofimáticas e os sistemas operativos.
Nas empresas de máis de 10 empregados con sede en Galicia que utilizan software libre os navegadores de internet de código aberto están presentes no 95,3% das empresas que dispoñen de software libre e nas microempresas nun 97,4%, igualando a media estatal no primeiro caso e superándoa no caso das microempresas (93,7%).
As aplicacións ofimáticas libres ocupan o segundo lugar entre as tipoloxías de software de código aberto nas empresas de Galicia que usan software libre. Nas microempresas o seu uso sitúase no 65,6% e nas empresas de 10 ou máis empregados/as con sede na nosa comunidade acada o 71,3%. Nos dous casos valores superiores á media estatal, 63,5% e 67,7% respectivamente.
Os sistemas operativos libres nas microempresas galegas con software libre experimentaron un forte crecemento pasando do 24,1% ao 46,1% en 2021 e superando o seu uso entre as microempresas a nivel estatal (41,9%). Entre as empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia con software libre os sistemas operativos libres son utilizados polo 54,3% das empresas, superando a media estatal (48,5%).
Uso por sectores
No uso de software libre, obsérvanse diferenzas salientables atendendo ao sector. O uso de solucións libres nas empresas do sector servizos é alto, tanto nas microempresas (70%) como nas empresas de 10 ou máis empregados/as (85,5%).
No sector da construción das empresas galegas de 10 ou máis empregados é onde se rexistra a maior porcentaxe de uso de software libre (92,5%), pero a porcentaxe redúcese ao 52% no caso das microempresas galegas deste sector.
No sector da industria, o software libre está presente no 67,8% das microempresas galegas e no 80,5% das empresas de 10 ou máis empregados/as galegas do sector.
Plan de Software Libre da Xunta
A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, vén desenvolvendo, en colaboración cos principais axentes do software un Plan anual para o impulso e difusión do software libre na Administración, nas empresas e entre a cidadanía. Ás actuacións deste plan súmanse as actividades do Centro GaiasTech (gaiastech.xunta.gal) para achegar ás empresas as diferentes solucións en software libre ao seu alcance e as realizadas a través da Rede de Aulas CeMIT para formar á cidadanía neste tipo de ferramentas.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.