
Na tarde deste día o público obxectivo será o tecido empresarial e abordaranse aspectos como as medidas públicas de apoio para facer mellorar a ciberseguridade na industria, a importancia da ciberresiliencia nas entidades, os novos retos aos que se enfrontan os responsables de tecnoloxías nas organizacións, as tendencias delituosas que están afectando ao sector privado neste 2022 ou a ciberseguridade na Intelixencia Artificial e no metaverso.
A segunda xornada está orientada á cidadanía, e afondará na importancia da formación e retención de talento no ámbito da ciberseguridade. Ademais, terá lugar unha representación teatral sobre o acoso nas redes sociais da man da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Haberá un relatorio con hacking en directo, para facer ver aos asistentes como, nunha soa acción, se pode converter un mesmo en vítima dun ciberdelincuente. Tamén se contará con espazos técnicos de exposicións sobre proxectos e ideas de ciberseguridade e a entrega de premios dos diferentes concursos.
Actividades complementarias
O Encontro Ciber.gal ofrecerá actividades complementarias para enriquecer o seu programa principal. Ademais da segunda edición do exitoso concurso de escolares Ciberseguridade no cole! organizado por Telefónica no marco do Encontro que conta xa con preto de 100 inscritos, Cátedra R e Gradiant organizarán un Capture The Flagque porá a proba os coñecementos e habilidades dos participantes no eido da ciberseguridade. A Cátedra R tamén apoia a celebración do encontro impartindo un obradoiro sobre o análise forense de imaxes manipuladas. Outra das novidades é a de actividades específicas dirixidas ao colectivo senior para favorecer a súa confianza no uso de tecnoloxías dixitais, que ven da man de Telefónica para empoderar aos nosos maiores no uso seguro das tecnoloxías. Haberá sorteos e premios entre os asistentes que acudan de xeito presencial ás xornadas.
Este ano apoian a celebración do Encontro entidades pertencentes ao Nodo CIBER.gal, axente que organiza as xornadas, pero tamén outras non vinculadas a este ecosistema como mostra do seu compromiso coa importancia da ciberseguridade a todos os niveis no día a día. Abanca, NTTDATA e Grupo Oesía son patrocinadores estratéxicos do II Encontro CIBER.gal.
Nodo CIBER.gal
O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado máis de 45 entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.
A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.