Noticias

A Academia Makers estréase en Verín cun curso aberto a emprendedores

Comeza o próximo 30 de agosto no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Ourense Centro e Sur, un taller de competencias básicas de emprendemento para persoas de máis de 18 anos cunha idea de negocio que desexen desenvolver seguindo a filosofía maker. A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentaron esta actividade no curso dunha visita ás dependencias deste Polo situado en Verín, coa que o Goberno galego estrea o programa da Academia Makers que nace para impulsar a creación de empresas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A cultura maker constitúe un activo crucial para a sociedade e para o seu tecido empresarial e industrial, remarcou a directora xeral, quen destacou as vantaxes desta metodoloxía, baseada na idea de “aprender sobre o que se fai” e que permite democratizar o desenvolvemento de actividades e procesos innovadores que se levan a cabo na economía produtiva fomentando así o espírito de innovación.

“O programa Emprende Makers pon en marcha esta Academia, coa misión de entregar os espazos, as ferramentas ás persoas que se queiran formar, innovar e reinventar usando tecnoloxías de fabricación dixital baixo a filosofía do faino ti mesmo”, dixo a directora xeral, quen destacou que as persoas beneficiarias poderán desenvolver “calquera proxecto que se poidan imaxinar e dar a oportunidade de mellorar as vidas das comunidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

Estreo da ‘Academia Makers’

O primeiro curso da Academia Makers terá lugar no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego e Ourense Centro e Sur, radicado en Verín -e que da servizo ás comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Caldelas, Terra de Trives, Verín e Viana- do 30 de agosto ao 22 de setembro. Trátase dun obradoiro de competencias básicas de emprendemento a través do cal “calquera persoa emprendedora con interese no mundo maker adquirirá coñecementos sobre cuestións como a presentación de empresas ante futuros inversores, a construción de modelos de negocio estables ou marketing”, especificou Ardao.

O curso consta de 20 horas repartidas en 8 sesións (4 presenciais e outras 4 en liña) nas que se ofrecerán recursos e información necesaria para transformar ideas innovadoras ou prototipos en ideas de negocio.

As inscricións para esta actividade gratuíta están abertas (https://bit.ly/MAKERSVERIN). A Xunta anima a participar a calquera persoa maior de 18 anos interesada en poñer en marcha unha idea de negocio e familiarizarse co mundo maker. Unha oportunidade para os máis novos, “pero tamén para a reciclaxe informal ao longo da vida profesional e para a apertura de novas oportunidades laborais, desde o emprendemento ou desde o acceso a novos nichos de empregabilidade”, subliñou Ardao.

A actividade está financiada con fondos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep). Non será a única a desenvolver neste Polo xa que, tal e como resaltou Ardao, as persoas emprendedoras da área poderán participar proximamente en obradoiros sobre modelos de innovación para makers nos que adquirir, entre outros, coñecementos en materia de creatividade aplicada ao negocio, prototipado e espazos de colaboración e innovación con empresas.

No mes de setembro están programadas actividades da Academia Makers en Vilanova de Arousa (Pontevedra), do 13 de setembro ao 6 de outubro; en Silleda (Pontevedra), do 5 ao 28 de setembro; e en Coristanco (A Coruña), do 12 de setembro ao 5 de outubro.

A través desta iniciativa, o Goberno galego agarda poder asesorar máis de 60 proxectos e dar orixe a unhas 30 empresas, 20 delas en Galicia.

A Academia enmárcase no programa Emprende Makers, unha iniciativa de cooperación institucional transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal cuxo obxectivo é a creación e desenvolvemento dunha rede de emprendemento baseada nos centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexión.

A Xunta mantén un firme compromiso co impulso do emprego de calidade, “apoiando o emprendemento e revolucionando a formación para o emprego”, rematou a directora xeral, quen destacou a estratexia Xempre baseada no traballo coas capacidades das persoas a través da colaboración público-privada, un marco no que a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego ten un papel fundamental, por conectar á cidadanía coa rede autonómica de emprendemento e a oferta laboral da comunidade.

R., 2022-08-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (memoriachaira.jpg) O 8 de setembro, en Outeiro de Rei - Penas de Rodas, Cemiterio e Campa de Santa Sabela - , desde 2005, celébrase a "Memoria da Chaira enteira" na lembranza de Manuel María, no cabodano do seu pasamento, organizada pola Asociación Xermolos, de Guitiriz e a Irmandade Manuel María. Os actos comezarán ás 14,30 cun xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra, para seguir ás 17,00 cun recital nas Penas de Rodas, a cargo de voces amigas do Manuel que len anacos da súa poesía ou creacións propias na súa lembranza.
Foto de la tercera plana (presidenteoicinas.jpg) Estes espazos ofrecerán asesoramiento aos veciños que o precisen da man de técnicos da Xunta para axilizar a tramitación das axudas e para ofrecer a información sobre a situación . Concluíu o Presidente que haberá "rapidez en sacar axudas e rapidez en concedelas, e que a xente teña o diñeiro que precisa o antes posible".

Notas

Do 1 ao 15 de setembro desenvolverase esta acción dinamizadora nos concellos de Miño, Pontedeume, Poio, Meaño, Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros, A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán de Río As persoas consumidoras poderán rexistrar as súas compras nestes municipios a través da páxina web oficial da campaña ou directamente nos establecementos participantes co gallo de participar no sorteo de tarxetas prepago de 50 euros
O galardón, creado polo Instituto de Estudos do Territorio, pretende poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural, distinguindo aos municipios máis dinámicos neste eido.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES