Notas de prensa

Os riscos do custo enerxético da Intelixencia artificial, a debate no CITIC da UDC

Case o 68% da poboación mundial é usuaria da internet. Todo o tráfico anual da rede supón 100 Zettabytes. As emisións de C02 de Netflix nun día equivalen a un coche dando 3.248 voltas ao mundo. Publicar un reel de 15 segundos en Instagram consome a mesma enerxía que postear 8 fotos. Son algúns dos datos que a experta Coral Calero, catedrática da Universidade de Castela - A Mancha, mostrou no CITIC da UDC.

“A intelixencia artificial é unha das tecnoloxías con maior proxección en tódalas áreas de actividade e está a ter un impacto transformador en moitos sectores”, asegurou Coral Calero. No escenario actual, cun uso cada vez maior de ferramentas de intelixencia artificial e unha alta demanda mundial de solucións TIC por parte de empresas non tecnolóxicas, as compañías tech están a investir millóns de dólares en crear produtos e servizos de IA que satisfagan estas necesidades.

Esta situación implica un elevado consumo de enerxía e recursos, situación que exemplificou expoñendo o custo de adestrar modelos de linguaxe a gran escala, como GPT-3 ou Bloom, un dos modelos de linguaxe máis grandes. “Non só falamos de electricidade, senón tamén de auga, por exemplo”, explicou Calero. “Os enfriadores de auga nos centros de datos disipan a calor a través dun ciclo de recirculación, pero este método provoca a evaporación do 80% da auga, acumulando sales e minerais que poden danar o sistema.”

Medir para controlar

A clave para garantir que un software sexa realmente eficiente desde o punto de vista medioambiental é poder medir o seu impacto. Sabendo canta enerxía e medios se necesitan para adestrar unha ferramenta de intelixencia artificial, poderemos optimizar o seu desenvolvemento e contribuír a unha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente. Neste sentido, a sustentabilidade do software converteuse nun aspecto clave para o desenvolvemento de solucións responsables e eficientes. Con todo, Coral Calero destacou que é importante diferenciar entre sustentabilidade do software e o green software, xa que este último representa só unha parte do concepto global de sustentabilidade.

Como indicou Calero Muñoz durante o seu relatorio, a sustentabilidade do software abarca tres dimensións fundamentais que deben ser tidas en conta á hora de deseñar novas aplicacións: a económica, a social e a medioambiental. Esta última é a que se coñece como green software e céntrase en reducir o impacto ambiental do desenvolvemento e uso de aplicacións informáticas.

As medicións poden facerse desde dúas aproximacións diferentes. A través de software de estimación, aplicacións que se instalan no computador e que proporcionan unha estimación do consumo enerxético; ou a través de medidores hardware, dispositivos externos conectados ao computador que rexistran datos reais sobre o consumo enerxético.

Segundo explicou Coral Calero, no seu grupo de investigación traballan nun método de medición de consumo, chamado Green Software Measurement Process (GSMP), composto por varias fases, que van desde a definición de alcance, a configuración da contorna de medición ou a análise final. O seu obxectivo, ademais da divulgación científica, é “proporcionar a empresas de desenvolvemento software trucos ou ideas para que os seus deseños sexan verdes”.

Investigación sostible

A Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes é unha das 21 cátedras ENIA (Estratexia Nacional en Intelixencia artificial) concedidas polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Dirixida pola investigadora do CITIC, Verónica Bolón, a cátedra busca os chamados “algoritmos verdes” ou o que é o mesmo, reducir o impacto ambiental das aplicacións informáticas, así como o seu uso para atopar solucións sostibles a través da investigación.

O equipo de persoas que forman parte da cátedra está composto por 20 membros, 16 deles adscritos ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora” (ED431G 2023/01).

Universidade da Coruña (UDC), 2025-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES