Noticias

O uso da intelixencia artificial nas empresas galegas creceu un 50% no último ano

As novas tecnoloxías disruptivas están cada vez máis presentes nas empresas galegas. O 10,9% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores emprega algunha tecnoloxía de Intelixencia artificial, o que sitúa a Galicia no quinto posto do ranking por CC.AA, por diante de comunidades como Andalucía ou País Vasco, avanzando desde o noveno posto do ano anterior, tras experimentar un crecemento do 50% no último ano. Entre as empresas galegas que empregan Intelixencia artificial, cabe salientar o seu uso para a xeración de linguaxe natural (3º posto no ranking estatal) ou tecnoloxías que permiten o movemento físico das máquinas a través de decisións autónomas baseadas na observación do entorno (4º posto).

A incorporación dos especialistas TIC ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores é outro dos indicadores que mostra o grao de dixitalización do tecido empresarial galego: o 14,1% conta con especialistas TIC e, neste tramo empresarial, é a cuarta Comunidade Autónoma con máis especialistas TIC en Intelixencia artificial.

O 11,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores analizou big data, experimentando un crecemento do 21,8% no último ano. Ademais, o 7,72% emprega a robótica, en valor practicamente idéntico á media estatal.

Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2021/2022” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Dixitalización das empresas galegas de 10 e máis empregados

As empresas galegas de 10 e máis empregados son líderes no uso do Software libre co 86,7%, superando en 4,5 puntos a media estatal.
As empresas galegas tamén incorporan á súa xestión as vantaxes do teletraballo e o traballo remoto. O 48,7% das pemes e grandes empresas galegas leva a cabo reunións remotas, ocupando o sexto lugar no ranking estatal.

En Galicia, o 95,7% das empresas de 10 ou máis traballadores dispoñen de conexión a Internet fixa e o 88,7% ten contratada banda longa móbil. No último ano aumentou un 6% a porcentaxe de empresas de 10 ou máis empregados con conexión a internet de banda ancha de máis de 100 Mbps, acadando xa o 71%.

Dispoñibilidade de web e redes sociais

As empresas de menos de 10 empregados de Galicia seguen a superar a media estatal no uso de medios sociais, no que acadan a sexta posición a nivel estatal. O 30,7% destas empresas xa dispoñen de páxina web, ocupando así o cuarto lugar entre todas as Comunidades Autónomas.

A contratación de Internet entre as microempresas galegas sitúase no 80,3%. Entre as empresas con conexión a Internet, un 87% opta pola banda larga móbil, superando a media estatal en 4,22 puntos porcentuais e experimentando un crecemento do 10,3%.

R., 2022-10-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES