Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

O proxecto Aeroganp, liderado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo e cofinanciado polo programa Interreg España-Portugal POCTEP, xa está en marcha. O seu obxectivo é crear unha rede de investigación aeroespacial na eurorrexión Galicia-norte de Portugal. O consorcio que o desenvolve está formado por 12 socios: as tres universidades galegas e as portuguesas de Minho e Porto, centros tecnolóxicos como Gradiant, ITG, Inesctec ou Ceiia, administracións públicas como a Axencia Galega de Innovación e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e o Consorcio Aeronáutico de Galicia.
Foi inaugurado na Coruña o novo centro Galaxy Lab da Cidade das TIC, que será un dos campos de probas de vehículos aéreos non tripulados máis completos de Europa. O Galaxy Lab -financiado ao 50% pola Xunta e polo Instituto Tecnolóxico de Galicia- vai prestar servizo a empresas, campus ou centros de investigación de todo o mundo que precisen experimentar ou testar de forma segura os seus drons para transporte de mercadorías ou persoas. Os seus máis de 1.000 metros cadrados de superficie permitirán realizar adestramentos nun contorno real, e ademais este centro vai actuar como tractor para seguir atraendo investimentos tecnolóxicos á comunidade.
Preto de 400 alumnos de 6º curso de Educación Primaria de 23 centros educativos de toda Galicia participan nos obradoiros Dixitalweek. Trátase dun encontro que complementa o programa de estadías de inmersión lingüística en inglés vinculadas á actividades dixitais do mesmo nome e no que este outono participan un total de 1.200 alumnos ata 4º curso de ESO. Nestes encontros, os alumnos realizan actividades de práctica idiomática en distintos escenarios comunicativos vinculados ás contornas tecnolóxica e científica.
O Diario Oficial de Galicia fai públicou a encomenda á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, da construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, cun investimento de máis de 6 M€. Esta actuación está agora mesmo en proceso de adxudicación. O obxectivo da Xunta é empezar as obras a principios do vindeiro ano para rematalas no 2025, xa que o contrato ten un prazo de execución de 20 meses. Para isto, a Xunta destina nos Orzamentos de 2024 un investimento de máis de 4 M€ e case 2,3 M€ no seguinte exercicio.
Nesta iniciativa serán convidados a participar de xeito voluntario 400.000 galegos e galegas de entre 35 e 65 anos. As persoas serán escollidas aleatoriamente, polo que o mandatario galego fixo un chamamento a que participen, apelando ao beneficio colectivo que traerán consigo os resultados deste programa. Os participantes só terán que recoller unha proba de saliva e depositala en contedores no seu centro de saúde. Con estas probas, xerarase unha información fundamental para a historia clínica do paciente, pero tamén moi valiosa para a investigación e para coñecer o perfil xenético da comunidade. Tras a análise, os participantes serán notificados sobre se posúen ou non unha variante de alto risco. De ser así, serán derivados a profesionais especialistas para a confirmación e posterior seguimento.
Teremos que volver a ser mulleres e homes das cavernas para poder colonizar a Lúa? Esta é a pregunta á que busca resposta a Axencia Espacial Europea mediante unha serie de proxectos, entre eles, Antennas for Underground Communications, no que colaboran investigadoras e investigadores das universidade de Vigo e Oviedo e a empresa EOSOL Ingeniería. Os responsables desta investigación recordan que, actualmente, existe un grande interese por volver á Lúa, pero esta vez para quedarnos. O problema reside en que a superficie luar é unha contorna sumamente hostil.
'Nunca tivemos máis tecnoloxía disruptiva dispoñible ca neste momento', destacaba o director xeral de Telefónica Norte, Manuel Angel Alonso, no II Encontro Ágora da Cátedra Telefónica-UVigo, 'pero esa tecnoloxía precisa talento para ser explotada e a xeración dese talento é un dos grandes retos que temos como sociedade'. Precisamente a formación dese talento foi o eixo central da xornada celebrada no campus de Vigo que reuniu os representantes da tripla hélice: universidade, empresa e administración. Ao longo da mañá e a través de varias mesas redondas e relatorios abordouse a importancia de potenciar o talento e a innovación na era da transformación dixital.
A empresa Data Spartan organiza os días 26 e 27 de outubro o Corunna Innovate Summit, un congreso que terá lugar no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, no que se tratará da revolución que supoñen a intelixencia Artificial (IA), a ciencia de datos e Internet, para tratar de mellorar a forma na que se estrutura a sociedade de cara ao futuro. A inauguración do foro terá lugar o día 26 ás 16:30 horas e continuará ás 17:00h. co investigador Luis Muñoz-González, da empresa Telefónica, que falará da aprendizaxe federada, técnica de aprendizaxe automática que permite adestrar modelo centralizados sen ter que compartir datos sensibles.
Segundo estudos da Universidade de Oxford, unha elevada porcentaxe dos traballos actuais (o 38% do emprego en Galicia) estarían afectados polo risco de automatización. A substitución definitiva dos traballadores tan só se producirá cando exista unha vantaxe evidente pero, na maior parte dos casos, moitos empregos están chamados a entenderse coas novas tecnoloxías. Cabe destacar o especial impacto que suporá nas competencias dos traballadores, que deberán someterse a procesos de reskilling (reciclaxe profesional, é dicir, a capacitación para outro posto, a través da dotación de novas habilidades e competencias) e upskilling (formación dun profesional en novas habilidades e competencias que lle permiten medrar no seu rol actual) para seguir desempeñando os seus postos de traballo.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe o primeiro dos edificios en poñerse en marcha na Cidade das TIC, o Centro de Servizos Avanzados (CSA), nun acto co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. O acto contou coa presenza de numerosas autoridades así como de representantes das principais empresas do sector tecnolóxico e membros da comunidade universitaria da Coruña, nun aforo de máis de 350 persoas.
« Anterior | 16  de  65 | Siguiente »

Notas tecnologia

A bioloxía sintética busca anos construír células artificiais capaces de reproducir de maneira simplificada algúns dos procesos máis complexos da vida. O obxectivo é comprender mellor os principios fundamentais da evolución celular e xerar ferramentas innovadoras para a biomedicina e a biotecnoloxía. Un equipo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC logrou un importante avance ao desenvolver microgotas coacervadas con membrana.
A posibilidade de transformar restos de cultivos e podas en produtos útiles, no canto de que sexan queimados ou enviados a vertedoiros, é a base da investigación desenvolvida por Juan Iglesias Riobó no Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC. Ante esta situación, o científico centrou o seu estudo nunha alternativa baseada en biotecnoloxía sostible: a conversión destes residuos en carboxilatos, compostos con gran potencial de uso en diversos sectores.
O equipo investigador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC traballa nunha recente e innovadora rama da enxeñaría estrutural: a optimización topolóxica. Esta área de investigación emprega métodos matemáticos avanzados para deseñar estruturas máis eficientes, ademais de determinar a disposición interna do material, o que culmina en deseños máis lixeiros, seguros, económicos e respectuosos co medio ambiente.
A Universidade da Coruña puxo en marcha recentemente un proxecto de investigación que espera mellorar as previsións de precipitacións mediante o uso de algoritmos de aprendizaxe automático supervisado. Trátase do proxecto 'Mellora das previsións xeradas con modelos de base física mediante técnicas de intelixencia artificial', no que traballan investigadores do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA).
A eólica mariña flotante ofrece unha solución viable para xerar electricidade en augas profundas, onde non é posible ancorar aeroxeradores ao leito mariño mediante estacas (tamén coñecidas como pilotes) ou outras cimentacións fixas. Esta tecnoloxía resulta especialmente adecuada para o Arco Atlántico, unha zona con alto potencial enerxético eólico, pero tamén con condicións oceánicas complexas que dificultan as solucións tradicionais.
Durante o proceso de replicación do ADN, a dobre hélice clásica pode reorganizarse de forma transitoria nunha estrutura alternativa coñecida como ADN de tres vías. Estas configuracións forman un cavidade central ben definida, capaz de aloxar moléculas con propiedades e características específicas. O ADN de tres vías asociouse a certos procesos tumorais, emerxendo como unha prometedora diana terapéutica.
Nun contexto no que o transporte marítimo é a vía pola que circula case o 80% do comercio mundial, resulta esencial contar con portos seguros e ben xestionados. Con este obxectivo, o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente, o Grupo de Redes Neuronais Artificiais e Sistemas Adaptativos o Grupo de Investigación Laboratorio de Enxeñaría do Software están a desenvolver un proxecto innovador nos portos da Coruña, Ferrol e de Malpica.
Microsoft acaba de anunciar unha colaboración con tres centros de investigación de referencia en España, entre eles, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC. A finalidade destas sinerxías é desenvolver modelos fundacionais de IA en linguas oficiais do Estado. O anuncio constitúe un novo paso na estratexia da compañía para impulsar tecnoloxías da linguaxe baseadas en IA aberta, responsables e adaptadas á diversidade lingüística europea.
A fabricación de buques é un proceso complexo que require coordinar múltiples tarefas e recursos: desde a produción de pezas e a ensamblaxe ata a montaxe final en bancada. Tradicionalmente, a planificación da produción realízase de forma manual e apóiase na experiencia do persoal técnico. Aínda que efectiva, esta metodoloxía impide avaliar con precisión a eficiencia das secuencias, prever colos de botella e adaptarse axilmente aos imprevistos do taller.
Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco, membros do grupo BIOpast da UDC e adscritos ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil estudan as características morfolóxicas que fan única a cada especie e traballan nun campo cada vez máis demandando na Paleontoloxía: a dixitalización e a creación de modelos tridimensionais de fósiles. Blanca é paleobióloga e especialista en pequenos mamíferos fósiles e en paleoecosistemas insulares. Analiza como responderon os coellos, lebres e picas aos cambios climáticos do pasado, co obxectivo de contribuír á conservación das especies actuais.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES