Noticias

Entra en funcionamento o primeiro dos edificios da Cidade das TIC, o Centro de Servizos Avanzados, con plena ocupación de empresas do sector tecnolóxico

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe o primeiro dos edificios en poñerse en marcha na Cidade das TIC, o Centro de Servizos Avanzados (CSA), nun acto co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. O acto contou coa presenza de numerosas autoridades así como de representantes das principais empresas do sector tecnolóxico e membros da comunidade universitaria da Coruña, nun aforo de máis de 350 persoas.

O presidente do Clúster destacou que “o sector TIC representa algo menos do 4% do emprego en Galicia, pero desde o 2017 supuxo o 12% do novo emprego”. Rodríguez del Corral definiu ao traballador TIC como “un piloto”. “Faille falta talento e formación, pero non é suficiente, ten que estar en constante formación -engadiu apuntando que- o Clúster levou a cabo 10.000 formacións nos anos 2022-2023,en colaboración con Consellería de Emprego”.

Para o reitor da Universidade da Coruña “hoxe é un día de celebración para todos e todas”. Julio Abalde apuntou que “esta iniciativa nace da idea que ten a Universidade da Coruña do modo de facer transferencia de coñecemento”. “A transferencia como mellor se fai é traballando conxuntamente para que se desenvolva o coñecemento e se aplique de forma inmediata”, definiu.

O reitor fixo historia ao lembrar como se xestou o proxecto do complexo da Cidade das TIC, que comezou o 20 de outubro de 2018, nunha reunión entre a UDC e o Clúster. Este proxecto iníciase pois cun diálogo entre o público e o privado, “seña de identidade da UDC”. Esta idea de 2018, plasmouse en febreiro de 2020 coa cesión das instalacións por parte do Ministerio de Defensa e, cunha pandemia polo medio, “finalmente se materializa hoxe”. Abalde resumiu o complexo da Cidade das TIC como un proxecto baseado en cinco piares. Un centro no que a Universidade poida facer investigación e formación; un centro tecnolóxico, o CSA; un centro de emprendemento para a creación de empresas; parte empresarial para que as empresas consolidadas traballen conxuntamente nun ambiente de innovación e un polo audiovisual son as cinco patas nas que se sustenta a Cidade das TIC, segundo explicou o reitor, quen rematou a súa intervención agradecendo o apoio do Clúster TIC de Galicia, de todas as administracións implicadas neste proxecto, así como da propia comunidade da Universidade da Coruña.

O presidente da Deputación definiu a Cidade das TIC como “un escaparate para que a sociedade galega e a sociedade internacional vexa que se pode facer tecnoloxía desde Galicia”. Valentín González Formoso tivo unhas palabras de recoñecemento para Julio Abalde. “O reitor tivo un papel moi difícil, conseguir o consenso entre todas as administracións e este papel hai que recoñecelo”, destacou concluíndo que “este edificio alberga unha aposta por un país de futuro”.

Para a alcaldesa da Coruña, a inauguración do CSA “é algo máis que un mero acto institucional, é a concreción dun soño de cidade e un desexo de país”. Inés Rey agradeceu ao reitor “o seu traballo e compromiso abrindo o coñecemento ao servizo de todos”. “No Concello imos da man coa Universidade, con ela crearase esa empresa pública que xestionará a AESIA”, recoñeceu engadindo que “A Coruña é un faro de modernidade de Galicia, tamén para as novas tecnoloxías”.

Finalmente, o presidente da Xunta apuntou que a antiga fábrica de armas unha vez que pechada podería ter tres usos “deixala esmorecer, a especulación inmobiliaria ou a rehabilitación para outros usos”, e “non era unha tarefa doada”, recoñeceu Rueda gabando o resultado obtido no CSA para o servizo de pequenas e grandes empresas que poden traballar na Cidade das TIC. Estas instalacións “están a disposición de todos os que queiran vir traballar á Cidade das TIC porque toda a formación que se necesita a diario no mundo das TIC vaise impartir aquí”. O presidente da Xunta avanzou que para a rehabilitación do resto de edificios “tócanos seguir discutindo para chegar a solucións e seguir avanzando no desenvolvemento desta Cidade das TIC que é o froito do esforzo do todo o mundo”.

O edificio do CSA, de 5.000 metros cadrados, acollerá ás empresas Imatia, cinfo, ITG, Xoia Extending Reality, Enxenio e Odeene. Ademais, na planta inferior haberá un showroom que funcionará como espazo versátil para o deseño e formación nas últimas tecnoloxías e produtos do sector TIC galego.

O Centro de Servizos Avanzados é unha sociedade participada por Clúster TIC, UDC, Altia, Plexus, cinfo, Imatia, Itelsis, Aldaba, ITG, Dos Espacios, VisualPublinet, Librebit e Xoia. O proxecto do CSA ten un coste inicial de 5,2 millóns de euros, para a rehabilitación do edificio, unha das naves da antiga Fábrica de Armas da Coruña, máis o equipamento dos laboratorios, e contou cun financiamento de 4,8 millóns de euros da Xunta de Galicia a través do Igape.

O CSA conta tamén con tres laboratorios de innovación de uso compartido entre os socios do Clúster TIC Galicia, un de intelixencia artificial, outro de media e un de dispositivos intelixentes, así como un coworking. Trátase dun edificio sustentable cun alto nivel de eficiencia. Os seus 162 paneis solares proporcionan 100 kw, o que permite o abastecemento da práctica totalidade das necesidades enerxéticas do centro.

Nestes momentos, ademais, o Concello da Coruña está acondicionando os accesos á Cidade das TIC, os servizos de enerxía, comunicación e augas e a urbanización interna cun investimento de tres millóns de euros.

Evento TIC: IA e empresa

Nada máis inaugurarse, o CSA ponse en marcha cun evento TIC sobre intelixencia artificial aplicada á empresa no que participan expertos de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Teléfonica. O evento TIC comeza cunha charla moderada por Antonio Rodríguez del Corral, con Alberto Pan e Daniel Lender, Chief Technology Officer e Chief Financial Officer de Denodo, respectivamente. Os directivos desta empresa galega, especializada en xestión de datos, explicaron como evolucionou a súa tecnoloxía desde a súa fundación no ano 1999, analizando as tendencias do mercado e falando sobre a súa experiencia con Silicon Valley e como conseguiron o apoio de grandes inversores internacionais, como TPG Growth, que acaba de inxectar 336 millóns de euros na compañía.

Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta, é a seguinte relatora da xornada. Na súa intervención, sinalou os instrumentos precisos para o impulso da aprendizaxe permanente que permitan capacitar a persoas e empresas para contribuír á transición dixital dos seus proxectos, apoiando a innovación e a competitividade.

David Pereira, Head of Data & Intelligence de NTT Data para Europa e Latinoamérica, aportou a súa visión sobre como se están a introducir os proxectos de IA nas grandes organizacións. Posteriormente, Ravin Dhalani, Chief Information Officer no Grupo MásMóvil, afondou na estratexia tecnolóxica da súa empresa para introducir a intelixencia artificial como resposta aos retos de negocio. A última participación da xornada foi a cargo de Chema Alonso, Chief Digital Officer de Telefónica, que tratou a estratexia global da multinacional no ámbito da IA.

Cidade das TIC

A Cidade das TIC é unha iniciativa da Universidade da Coruña e o Clúster TIC Galicia para crear nos antigos terreos da Fábrica de Armas da Coruña un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel internacional. O proxecto conta co apoio explícito de todas as administracións. Desde a Cidade das TIC contribuirase á especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes, desenvolveranse tecidos empresariais conectados e máis competitivos, impulsaranse as TIC e a dixitalización de Galicia. Tamén formarán parte desta infraestrutura fundamental para o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia os centros universitarios e centros tecnolóxicos TIC; un campus tecnolóxico con cabida para un centro de I+D en novas tecnoloxías, unha incubadora de alta tecnoloxía centrada en intelixencia artificial e en big data, un centro de formación e difusión TIC, así́ como a sede dun nodo da Estratexia dixital galega 2030 e nacional de Intelixencia Artificial.

A Universidade da Coruña ten a concesión do Ministerio de Defensa das instalacións da Fábrica de Armas, cun espazo de 127.000 metros cadrados, por un período de 25 anos prorrogable a outros 25, desde febreiro de 2020.

Centro de Servizos Avanzados

O arranque do Centro de Servizos Avanzados comezou en xullo de 2020 coa aprobación pola Xunta de Galicia dunha achega de 4,82 millóns de euros, a través do Igape, para a súa posta en marcha.

Un equipo de arquitectos liderado por Carlos Pita Abad deseñou a reforma deste gran centro demostrador para a transformación dixital da industria galega, tras gañar o concurso de ideas da Cidade das TIC en decembro de 2020 co lema “As Found!”. O obxectivo do proxecto era manter o valor patrimonial do edificio, de carácter industrial, cunha intervención respectuosa co valor histórico e arquitectónico da fábrica de armas, reforzando o baleiro da nave central cunha estrutura de madeira, de máis de 400 m2.

En xuño de 2021 abriuse o prazo da primeira convocatoria para ocupar o centro de innovación dixital, de 4.600 metros cadrados, e tres naves anexas. Dezanove empresas TIC de toda Galicia, entre as que se atopaban grandes corporacións, pemes, startups, e un centro tecnolóxico formalizaron as súas solicitudes por estar presentes nestes espazos, demostrando o grande interese do tecido empresarial TIC galego por formar parte desta iniciativa. En total, solicitaron 9.000 metros cadrados dos 17.500 que abarcan os edificios da Cidade das TIC.

Unha Comisión de Valoración, formada polos representantes de Aldaba, Altia, Librebit, UDC e o Clúster TIC Galicia, foi a encargada de resolver o proceso de resolución das empresas para ocupar o CSA. As firmas escollidas para integrarse nas oficinas do primeiro piso do Centro de Servizos Avanzados, cunha superficie total de 2.600 metros, foron Imatia, cinfo, ITG, Xoia Extending Reality, Enxenio e Odeene. Por outra banda, Tokiota, Dataspartan e Soslife7 formarán parte do espazo de coworking, Itelsis instalarase no Laboratorio de Dispositivos Intelixentes e Denodo na primeira nave adicional.

Á marxe destes espazos, na planta inferior sitúase un showroom, que funciona como espazo versátil para o deseño, formación nas últimas tecnoloxías e produtos do sector TIC galego, así como demostracións específicas relacionadas coa intelixencia artificial, as tecnoloxías multimedia e os dispositivos electrónicos.

O CSA conta tamén con tres laboratorios de innovación de uso compartido entre os socios do Clúster TIC Galicia, un de intelixencia artificial, outro de Media e un de dispositivos intelixentes.

R., 2023-10-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES