Noticias

Preto de 400 alumnos participan nos obradoiros Dixitalweek para mellorar as súas competencias lingüísticas e tecnolóxicas en inglés

Preto de 400 alumnos de 6º curso de Educación Primaria de 23 centros educativos de toda Galicia participan nos obradoiros Dixitalweek. Trátase dun encontro que complementa o programa de estadías de inmersión lingüística en inglés vinculadas á actividades dixitais do mesmo nome e no que este outono participan un total de 1.200 alumnos ata 4º curso de ESO. Nestes encontros, os alumnos realizan actividades de práctica idiomática en distintos escenarios comunicativos vinculados ás contornas tecnolóxica e científica.

A maiores, tamén participan en actividades físicas e de socialización que contribúen a mellorar o traballo en equipo entre os participantes.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou os obradoiros, onde puido coñecer de primeira man as destrezas dos rapaces nestes eidos, e onde aproveitou para subliñar a importancia “dobremente beneficiosa” desta iniciativa que combina “a aprendizaxe oral do inglés coa formación en competencias dixitais”.

Para ilo contan co apoio de profesionais como Manuel Vicente, divulgador e presentador do programa Efervescencia da Radio Galega e premio de Xornalismo Científico en 2018, e Déborah García, química, investigadora, e comunicadora científica, que traballa no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, CICA, da Universidade da Coruña.

1.200 alumnos por quendas en Os Peares

Enmarcado tanto na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030 (Edulingüe), como na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030 (Edudixital), o Dixitalweek chega este curso a 1.200 alumnos desde 6º curso de Primaria ata 4º curso de ESO.

Todos eles gozan de estadías dunha semana en réxime de internado con todos os gastos incluídos agás o desprazamento, no Centro Residencial Os Peares, onde participan en actividades académicas enfocadas á mellora das competencias en lingua inglesa e en ciencia e tecnoloxía e supervisadas baixo especialistas nestes ámbitos.

Así pois, desde unha perspectiva activa, lúdica e cooperativa, ao longo da Dixitalweek, os rapaces realizan distintas actividades académicas relacionadas coa contorna tecnolóxica, así como de tempo libre e obradoiros (xogos, veladas e excursións) que, a maiores do eido estritamente académico, lles axudarán á mellora da súa autonomía e á interacción con rapaces de distintas zonas de Galicia.

O programa, que se desenvolve durante este primeiro trimestre do curso, organízase en quendas dunha semana (desde domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá) que se iniciaron en outubro e continuarán ata mediados de decembro. O obxectivo desta estancia é a práctica do idioma inglés e a súa utilización en diferentes contextos para mellorar a comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa.

R., 2023-11-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES