Noticias

O Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC acolle o congreso Corunna Innovate Summit sobre intelixencia artificial e ciencia de datos

A empresa Data Spartan organiza os días 26 e 27 de outubro o Corunna Innovate Summit, un congreso que terá lugar no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, no que se tratará da revolución que supoñen a intelixencia Artificial (IA), a ciencia de datos e Internet, para tratar de mellorar a forma na que se estrutura a sociedade de cara ao futuro. A inauguración do foro terá lugar o día 26 ás 16:30 horas e continuará ás 17:00h. co investigador Luis Muñoz-González, da empresa Telefónica, que falará da aprendizaxe federada, técnica de aprendizaxe automática que permite adestrar modelo centralizados sen ter que compartir datos sensibles.

A continuación, ás 17:40h., Natalia Elvira, product manager na plataforma de etiquetado de datos Argilla, tratará o procesado de datos de alta calidade para os Grandes Modelos Lingüísticos e a Aprendizaxe por Reforzo a partir da Retroalimentación Humana.

Xa o venres 27 as xornadas iniciaranse ás 10:30 horas, coa intervención de José Manuel Maseda Valle, socio fundador de Wapping, plataforma omnicanal de intelixencia e fidelización para o sector retail, quen falará de como transformar a experiencia do cliente a partir dos datos.

A continuación, Laura Pereira Mauri, responsable de Industria 4.0 en Inova, explicará aos asistentes como transformar un proceso de control de calidade industrial a partir da IA.

Despois dunha breve pausa, será a quenda de Bruno Cabado, do departamento de desenvolvemento de produto de CINFO, coa súa presentación “Alquimistas dixitais: transformando imaxes en ouro”.

A continuación Lois Orosa, o director do Centro de Supercomputación de Galicia, centrará a súa exposición na computación cuántica. Para rematar a xornada da mañá, Paco Nathan, socio director da empresa Derwen, Inc. impartirá unha conferencia sobre linguaxe, grafos e intelixencia artificial na industria.

Despois do xantar networking, ás 15:30h. Salman Hussain, co-fundador de Zeed, ilustrará aos asistentes sobre o uso da IA para resumen de datos financeiros, para dar paso a Amparo Alonso, catedrática de Informática e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña, que reflexionará sobre os mitos e realidades da IA.

A xornada da tarde rematará cunha presentación e visita á Cidade das TIC guiada por Roberto Pérez Rodríguez, director do Clúster TIC de Galicia.

O evento conta coa colaboración do Concello da Coruña, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, e o Cluster TIC.

R., 2023-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES