
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha o próximo ano do Proxecto Xenoma Galicia, unha iniciativa pioneira en España que recompilará o ADN de 400.000 galegos e galegas para identificar variantes xenéticas de alto risco e poder así detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticar de forma precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.
Será un salto de xigante para o noso sistema sanitario, aseverou o mandatario galego durante unha visita á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, en Santiago de Compostela, tras a que explicou os detalles desta iniciativa acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e polo director da Fundación, o doutor Ángel Carracedo.
Rueda explicou que nesta iniciativa serán convidados a participar de xeito voluntario 400.000 galegos e galegas de entre 35 e 65 anos. As persoas serán escollidas aleatoriamente, polo que o mandatario galego fixo un chamamento a que participen, apelando ao beneficio colectivo que traerán consigo os resultados deste programa.
Os participantes só terán que recoller unha proba de saliva e depositala en contedores no seu centro de saúde. Con estas probas, xerarase unha información fundamental para a historia clínica do paciente, pero tamén moi valiosa para a investigación e para coñecer o perfil xenético da comunidade. Tras a análise, os participantes serán notificados sobre se posúen ou non unha variante de alto risco. De ser así, serán derivados a profesionais especialistas para a confirmación e posterior seguimento.
Ademais, 100.000 destes 400.000 seleccionados serán convidados a participar cunha mostra de sangre -que se recollerá tamén no seu centro de saúde- nun biobanco de mostras de sangue, plasma e soro que servirá para a investigación, para desenvolver fármacos máis adaptados ás características xenéticas galegas, e que permitirá a Galicia tomar parte en ensaios a nivel nacional e internacional.
Cribados específicos para determinados cancros e enfermidades cardiovasculares
Ademais da recompilación de ADN e a creación do biobanco, o proxecto irá un paso máis alá, como explicou o presidente galego, e incluirá a posta en marcha de cribados específicos para previr determinados cancros e enfermidades cardiovasculares. En Galicia sabemos moi ben dos beneficios dos cribados e da diferenza fundamental e crítica entre facelos a tempo ou non facelos, advertiu.
Nun primeiro momento, buscaranse as alteracións asociadas ao cancro de mama e ovario hereditario, o síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar, isto é, enfermidades todas elas para as que é posible facer cribados. Deste xeito, se unha persoa do proxecto ten unha variante xenética de alto risco, confirmarase cunha segunda proba e logo entrará no sistema e se lle ofrecerá vixilancia ou tratamento, segundo o qie indique o criterio clínico.
Galicia, á vangarda da medicina avanzada
Rueda puxo en valor esta iniciativa para a que apuntou que a Xunta reserva 20 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano porque marcará un antes e un despois no sistema de cribados, na detección de enfermidades e da sanidade pública do futuro.
Desde este pequeno recuncho de España e Europa queremos seguir sendo a vangarda da medicina personalizada e referente a nivel nacional e internacional, defendeu sobre este proxecto que erixiu como unha bandeira máis das que está a erguer a sanidade pública galega e os seus profesionais.
Neste senso, incidiu en que este proxecto servirá para seguir consolidando un sistema sanitario galego de excelencia, que xa atesoura fitos como o calendario vacinal máis completo do mundo ou uns completos programas de cribado de cancro.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.