//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
Presentouse hoxe a quinta edición do 'Maré. Festival de Músicas e Artes Atlánticas', un evento de carácter multicultural que converterá a cidade de Santiago de Compostela nun punto de encontro cultural e lingüístico. Esta cita contará cunha trintena de artistas chegados doutros países como Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina ou Portugal. A iniciativa, que se celebra dende o día 25, pon de manifesto esta diversidade lingüística cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas o día 26. O Maré acollerá unha ampla oferta de iniciativas que van desde a música ata as artes escénicas.
Boa parte do público do Underfest Xacobeo, un dos últimos eventos do verán musical en Galicia, procede, non só de fóra da cidade de Vigo, senón da comunidade, grazas a un cartel que combina bandas e artistas consagrados como Richard Hawley, Ash, Gigolo Aunts e El mató a un policía motorizado con novos talentos como La Cendejas, La Milagrosa ou Sistema de Entretenimiento. Tamén forman parte da carteleira deste ano os concertos dos artistas galegos Eladio Santos e Santi Araújo.
A Xunta de Galicia e o Musée du Quai Branly-Jacques Chirac (Francia) veñen de asinar un acordo para exhibir este outono en Galicia unha das maiores exposicións internacionais sobre tatuaxe. Co título Tattoo. Arte baixo a pel, a mostra explora a historia e simboloxía cultural, social, estética e relixiosa desta práctica e intenta explicar as razóns de que as tatuaxes estean presentes en todas as épocas históricas e zonas xeográficas do mundo. A proposta, producida polo que é un dos museos franceses máis relevantes, inaugurarase no Museo Gaiás o 24 de outubro e permanecerá aberta ata o 20 de abril.
O 50º Premio de Poesía de Vilalba, dotado con 7.000 euros, diploma, flor natural e a edición do libro premiado, foi entregado a Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía de Arousa pola Alcaldesa, Marta Rouco. A poeta arousá recibiu o premio polo libro MERIDIANO ORIXE. O libro será publicado pola editorial Alvarellos.
O premio foi concedido polo xurado formado por Darío Villanueva, da Real Academia Española; Ramón Villares, da Real Academia Galega, Cecilia Fernández, Doutora en Teoría da Literatura e escritora; Fidel Fernán, Director do Grupo Radio Principal: Xulio Xiz, xornalista; Tamara Rodríguez, Concelleira de Cultura e, como secretaria, Mª Sonia García, funcionaria do Concello de Vilalba.
A Alianza galega polo clima, promovida pola Xunta, comezará unha nova etapa coa posta en marcha dunha oficina de apoio para empresas e entidades galegas, así como a programación, a partir de setembro, dunha serie de workshops, encontros, foros e eventos formativos para establecer espazos de intercambio de experiencias e boas prácticas, impulsar novas canles de comunicación e networking, e formar ao tecido produtivo en temas medioambientais.
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, asinou hoxe coas organizacións empresariais e sindicais do ensino concertado o acordo de xubilación parcial dos docentes do ensino concertado. Esta medida, que comezará a aplicarse en setembro, estima que poderá beneficiar a uns 400 profesionais do ensino.
Este acordo, aprobado a principios de mes no Consello da Xunta, foi asinado polas organizacións sindicais Federación de Sindicatos Independentes de Ensinanzas (FSIE), Unión Sindical Obreira (USO), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CCOO), así como polas patronais Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado de Galicia (CECE Galicia), Escolas Católicas e Asociación de Centros de Ensino de Economía Social de Galicia (ACES-Galicia).
A Consellería do Medio Rural promove a creación da Ruta das igrexas e da denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa como instrumento de dinamización do rural e produto turístico. Esta iniciativa, que capitanea o concello de Curtis, beneficiará outros 31 municipios máis pertencentes ás comarcas de Arzúa, Terras de Melide, A Ulloa, Chantada e Deza. A conselleira, María José Gómez, salientou que esta iniciativa representa "sustentabilidade do territorio" e serve para "poñer en valor o patrimonio unido á gastronomía e a ese territorio coidado e traballado".
O conselleiro de Educación visita a libraría Escolma na cidade de Pontevedra e confirma que "Somos a única Comunidade onde o acceso a todo o ensino é de balde, desde as escolas infantís ata a obtención dun título universitario ou de FP".
Román Rodríguez detallou "a ampla batería de medidas en Galicia para facilitar a volta ás aulas aos fogares e promover a igualdade de oportunidades". Blíndanse as axudas para libros de texto e material escolar, un modelo do que se benefician 7 de cada 10 alumnos e que aforra máis de 100M euros ás familias.
Galicia acordou, xunto ao resto de comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, no marco da Comisión de Saúde Pública, reforzar a información e as medidas para a detección e control da varíola do mono (mpox), tal e como se leva realizando xa nos últimos días desde a Consellería de Sanidade. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, confirmou que Galicia está a intensificar a vixilancia epidemiolóxica de mpox, así como o seu control e prevención primaria a través da vacinación dos contactos estreitos e grupos de risco.
Os centros de Infantil e Primaria comezarán o curso o vindeiro 11 de setembro cun total de 174.998 alumnos, o que supón un descenso de 4.030 estudantes respecto ao curso 2023/24. A pesar deste descenso de matrícula, estes centros contarán co mesmo número de aulas. En concreto, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis ca no ano académico que vén de rematar. Ademais, o número de mestres incrementarase nestes niveis respecto do ano anterior, con novas incorporacións ata o mes de setembro. A aplicación do acordo sindical permite manter abertas 204 aulas que, coas rateos anteriores, pecharían. Estímase que o acordo vai permitir manter arredor de 900 aulas abertas nos tres próximos cursos.
Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual, inaugura este xoves 9 de maio a súa sétima edición cunha completa programación de actividades culturais e artísticas que achegarán ata o próximo 19 de maio á cidade da Coruña a figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+ do panorama galego, nacional e internacional.
Un consorcio formado por persoal investigador das tres universidades galegas, liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela pola docente Luzia Oca e a ONG Ecos do Sur, están a traballar no proxecto Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música.
A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas desenvolve este luns e o martes no Edificio Fontán da Cidade da Cultura as súas XXI Xornadas sobre Internacionalización e Cooperación, organizadas nesta ocasión polas tres universidades públicas galegas. A xornada inaugural presidiuna o reitor da USC, Antonio López Díaz, e contou coa participación dos seus homólogos da Coruña e Vigo, Ricardo Cao Abad e Manuel Reigosa Roger, respectivamente.
O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -ensino e investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.