Noticias

Cidade da Cultura e Musée du Quai Branly de Francia acordan exhibir a finais de outubro en Santiago a maior exposición internacional sobre tatuaxe

A Xunta de Galicia e o Musée du Quai Branly-Jacques Chirac (Francia) veñen de asinar un acordo para exhibir este outono en Galicia unha das maiores exposicións internacionais sobre tatuaxe. Co título Tattoo. Arte baixo a pel, a mostra explora a historia e simboloxía cultural, social, estética e relixiosa desta práctica e intenta explicar as razóns de que as tatuaxes estean presentes en todas as épocas históricas e zonas xeográficas do mundo. A proposta, producida polo que é un dos museos franceses máis relevantes, inaugurarase no Museo Gaiás o 24 de outubro e permanecerá aberta ata o 20 de abril.

Tras ser exhibida en Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán e Rusia, chega a Galicia coa colaboración da Fundación “la Caixa”, convertida nunha das exposicións sobre tatuaxe máis completas e atractivas desenvolvidas ata o momento, unha proposta imprescindible para comprender a pulsión que leva ao ser humano a marcar con tinta o seu corpo.

A calidade e beleza das pezas e a acollida do público colleitada ao longo do seu periplo internacional levaron á Fundación “la Caixa” a exhibila nos seus centros e á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a asinar un acordo co Quai Branly para que tamén Galicia teña a oportunidade de gozar desta proposta.

Tattoo. Arte baixo a pel está comisariada por Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da influente revista HEY! Modern Arte & Pop Culture. A mostra presenta 240 pezas procedentes de 18 países do mundo entre pinturas, debuxos, libros, modelos en silicona tatuados, ferramentas para tatuar, máscaras, fotografías, selos e nove audiovisuais.

Con este novo proxecto, a Cidade da Cultura completa o programa de exposicións internacionais de 2024, unha oferta que achegou a Galicia mostras como Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, con máis de 40.000 visitas, ou Unha vida viquinga, que continúa aberta ata xaneiro e que superou nos dous primeiros meses os 25.000 visitantes.

R., 2024-09-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES