Noticias

A Alianza Galega polo Clima tenta situar Galicia como referentes en resiliencia e neutralidade climática

A Alianza galega polo clima, promovida pola Xunta, comezará unha nova etapa coa posta en marcha dunha oficina de apoio para empresas e entidades galegas, así como a programación, a partir de setembro, dunha serie de workshops, encontros, foros e eventos formativos para establecer espazos de intercambio de experiencias e boas prácticas, impulsar novas canles de comunicación e networking, e formar ao tecido produtivo en temas medioambientais.

Así o avanzou a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, durante o acto de sinatura da adhesión do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) á Alianza.

Segundo explicou, o primeiro dos eventos previstos terá lugar o vindeiro 18 de setembro no Palacio de Exposicións e Congresos da cidade da Coruña, onde se desenvolverá un workshop con catro mesas redondas nas que diferentes empresas amosarán a súa experiencia en cuestións como a economía baixa en carbono, o capital natural, o marketing verde ou as iniciativas empresariais de economía circular.

Nesa liña, Paula Uría salientou que Galicia leva anos traballando para mellorar a súa capacidade de resiliencia ante o cambio climático. De feito, desde a aprobación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 (EGCCE 2050) no ano 2019, as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron na Comunidade un 19,5%, é dicir, a un ritmo tres veces superior que a media española (6%) e que a europea (6,1%).

Así, logo do desenvolvemento de 139 das medidas previstas e do investimento de 1.140 millóns de euros, o Consello da Xunta aprobou o pasado mes de xuño a elaboración do novo plan rexional integrado de clima e enerxía 2024-2030 para continuar coa aplicación da EGCCE e consolidar a posición da Comunidade como referente na loita contra o quecemento global. A día de hoxe estase traballando nesta segunda planificación, coa previsión de poder aprobala no último trimestre do ano.

Fitos acadados

Precisamente no marco das súas políticas fronte ao cambio climático, o Executivo galego promoveu no ano 2022 a Alianza galega polo clima, unha acción pioneira co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

A iniciativa conta xa con 154 entidades adheridas entre universidades, organismos, autoridades portuarias, entidades asociativas ou empresas, ás que se suma hoxe o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, unha corporación de dereito público para defender os lexítimos intereses dos seus colexiados, ordenar e valorar a súa actividade na sociedade e que, ademais, ofrece servizos de alto valor engadido e ten entre os seus intereses fundacionais promover o desenvolvemento industrial sostible e a compatibilidade das industrias coa conservación do medio.

Logo de asinar o memorando de adhesión, Paula Uría puxo en valor o compromiso ambiental desta entidade e a súa disposición a formar parte dunha iniciativa que pretende impulsar entre os seus socios o establecemento de accións de adaptación ou mitigación do cambio climático, o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido, a promoción da investigación ligada ao clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

R., 2024-08-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES