O congreso está dirixido polos profesores da Universidade de Vigo Abraham Rubín, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, e Brais González, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. O seu obxectivo é traballar a nivel interdisciplinar e da man de especialistas das universidades españolas de Vigo, Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, UNED e Pompeu Fabra e das lusas de Minho, Braga, Évora e Coimbra, as repercusións que os distintos tratamentos sobre a cuestión da diferenza poden ter no ámbito da filosofía, a educación e a sociedade. A organización deste congreso na Facultade de Educación e Traballo Social, busca, tal e como indican os seus promotores, pór de relevo a importancia da filosofía na educación, fundamental para dotar a futuros mestres e mestras de coñecementos, habilidades e ferramentas para o cultivo do pensamento crítico, tanto neles mesmos como no seu futuro alumnado.
A programación deseñada busca ofrecer ao público asistente unha aproximación á cuestión da diferenza desde unha óptica filosófica, que conflúa nas diversas problemáticas sociais, culturais e educacionais que definen o noso presente. Hoxe, máis que nunca, subliñan os responsables do congreso, imponse unha reflexión que conduza ao recoñecemento do outro, aquilo que, na súa diferenza, ou grazas a ela, enriquece e complementa o que nos constitúe, ou ben cuestiona e se mantén nas marxes de condutas, valores ou ideas que son predominantes. Os investigadores da UVigo lembran que da reflexión sobre a diferenza poden emerxer formas de pensamento alternativas capaces de representar a aquelas que dunha ou doutra maneira foron repudiadas ou silenciadas no devir da cultura hexemónica.
De Byung-Chul Han a Deleuze
Fernando Pérez-Borbujo, profesor da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, arrancou a quenda de intervencións falando de multiculturalismo, neoliberalismo e nova pedagoxía no filósofo surcoreano Byung-Chul Han. Nela explicou a análise que fai este pensador da sociedade contemporánea e as súas propostas positivas para poder corrixir o que el considera que é o seu ton apocalíptico. Entre outros aspectos, achegouse á súa crítica da sociedade consumista contemporánea, o problema da implantación das redes sociais e o que está provocando de cambio sociolóxico e antropolóxico, de perda do mundo real e dos lazos comunitarios e de "aceleración" do tempo. Igualmente falou das propostas de Han de volta ás cousas materiais e á natureza para respectar os ritmos tradicionais; de reinterpretación do concepto de ritual e de consideración dos aspectos positivos da dor.
A programación do I Congreso Internacional: Sobre as Diferenzas tamén inclúe intervencións sobre os modelos e paradigmas de educación moral en Durkheim, Piaget, Kohlberg, Peters e Noddings; a educación para a responsabilidade/humanidade en E. Levinas e J. Derrida; a relación coa intelixencia artificial xenerativa e as converxencias e diverxencias sobre a educación no século XVIII e a actualidade, atendendo ao caso de Rousseau. Tamén se falará de filosofía, medo e morte; da arte e política nas rúas e da univocidade, expresión e diferencia entre Espinosa e Deleuze.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.